RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

Resultados hoxe sábado e calendario para mañá domingo, co Dépor ABANCA B ás 12:00 en Abegondo

O partido destacado en #ANOSACANTEIRA mañá domingo 18 é o do Deportivo ABANCA B en Abegondo (12:00) ante o Gijón FF en Tercera Federación FutFem.

Óscar Orro, técnico do filial, agardou para a convocatoria ao partido do primeiro equipo en Vitoria no que estaba Lucía Rivas. A canteirá xogou unicamente os últimos 4 minutos en substitución de Millene e entrou na lista do Dépor ABANCA B para mañá.

Completan a convocatoria: Nuria Gómez, María Calvo, Celia Sousa, Lucía Mariño, Paula Novo, Sara Cercido, Carmen Carballada, Laura Testa, Maca González, Paula Monteagudo, Laura Otero, Michi Apóstol, Lucía Rivas, Noela e Elena López 'Cusi'; ademais de Uxía Rabuñal, Noelia Mayo e Laura Santos, xuvenís do Orzán SD.

Ademais, o Xuvenil A, no grupo que pelexa polo título da División de Honra, cítase ás 12:15 en Cantabria coa SD Revilla. Manuel Pablo non quere confianzas a pesar de que o equipo local marcha na zona baixa da táboa e advirte que ao equipo sempre lle custa sacar adiante os seus partidos sempre que xoga a Copa del Rey.

Completan a xornada dominical o choque do San Tirso SD Infantil ante o UD Santa Mariña no Monte (12:00); o do San Tirso SD Cadete en Sigüeiro ante o ED Xuventude de Oroso (13:00) e os dos orzanes: o Orzán SD Xuvenil Femenino no campo do Lóstrego CF B (16:30) e o Orzán SD B sub-16 Femenino en Meicende (18:15).

Hoxe sábado 17 sobresaíu o partido do Fabril (na foto da noticia) fronte á SD Compostela no Estadio Vero Boquete.

Os fabrilistas chegaban ao choque após a folgada vitoria ante o CD Covadonga por 4-1 a pasada fin de semana e instalados nun pelotón de equipos da zona media da táboa.

Foron baixa Diego Gómez, lesionado; e Rubén López, citado co primeiro equipo. Si xogaron Martín Ochoa e Kevin, que o pasado mércores participou na Copa del Rey co Xuvenil A en Mallorca.

O choque decidiuno no minuto 28 un gol de rebote do local Hugo Matos ao recoller un despexe da defensa fabrilista.

Venceron en casa (en Eirís) o Orzán SD Infantil A Femenino ante o SCD Milagrosa (3-2) e o Orzán SD Infantil B Femenino ante o SCD Pastoriza (3-1).

E como visitantes, o Xuvenil B gañou en Vigo ao CVC Valladares (0-4) e o Orzán SD Cadete Femenino na Coruña ao Victoria CF (0-5); mentres que o Infantil empatou na súa visita ao CD Areosa (1-1).

A fin de semana en #ANOSACANTEIRA abriuno onte venres o triunfo (3-0) do Cadete A en Abegondo ante o Ural Español CF. Os branquiazuis mandan na División de Honra e manterán en canto pase a xornada polo menos os seus 6 puntos de renda sobre o RC Celta.

#ANOSACANTEIRA estivo o pasado mércores pendente dos cuartos de final da Copa del Rey xuvenil entre o RCD Mallorca e o Deportivo.

Os branquiazuis tentárono de todas as maneiras e, após igualar (1-1) no partido e na prórroga, a ruleta dos penaltis sorriu ao conxunto balear (6-5).

Manuel Pablo, técnico do Xuvenil A, manifestou que "foi un partido moi difícil para nós. Sabiamos que era un bo equipo, que dominaba moito a pelota. Custounos entrar ao partido. Ao principio nos primeiros minutos custounos. Despois, a metade da primeira parte, soubemos igualar o xogo deles. Acabamos mal a primeira parte porque tivemos moitas perdas seguidas e perigosas en inicio de xogo. Aí a sensación foi mala".

Engade que após o descanso "foi máis igualada, mesmo a partir da metade da segunda parte fixémonos co control, acabamos bastante ben esa segunda parte, con continuas chegadas aínda que se cadra sen ter a ocasión clara. A prórroga foi un ida e volta. Eles tiñan velocidade arriba e algunha ocasión de perigo fixéronnos. Tamén nós tivemos chegadas sobre todo na segunda parte da prórroga. Foi un ida e volta con poucas oportunidades. E os penaltis foi o que tocou".

O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Categoría feminina
Tercera Federación FutFem, 20ª xornada: DEPORTIVO ABANCA B - GIJÓN FF, mañá domingo 18 de febreiro ás 12:00 en Abegondo

Primera Autonómica, 19ª xornada: LÓSTREGO CF B - ORZÁN SD XUVENIL FEMENINO, mañá domingo 18 de febreiro ás 16:30 na Gándara (Chaín, Gondomar)

Segunda Autonómica, subgrupo 1º, 19ª xornada: SPORTING MEICENDE - ORZÁN SD B SUB-16 FEMENINO, mañá domingo 18 de febreiro ás 18:15 en Meicende Grande (Arteixo)

Liga Galega, subgrupo 1º, 19ª xornada: VICTORIA CF 0 - ORZÁN SD CADETE FEMENINO 5 (Claudia Sande, Marta Moreno, Emma Gandoy, Sofía Rodríguez e unha futbolista rival en propia meta)

Liga Galega, subgrupo 1º, 19ª xornada: ORZÁN SD INFANTIL A FEMENINO 3 (Martina Vázquez, Marta Moreno e Claudia Sande) - SCD MILAGROSA 2
Liga Galega, subgrupo 1º, 19ª xornada: ORZÁN SD INFANTIL B FEMENINO 3 (Claudia Casas -2- e Ariana Barros) - SCD PASTORIZA 1

Segunda Federación
23ª xornada: SD COMPOSTELA 1 - FABRIL 0

Categoría xuvenil
Copa del Rey, cuartos de final (mércores 14): RCD MALLORCA 1 - XUVENIL A 1 (Álvaro). A penaltis: 6-5

División de Honra, 21ª xornada: SD REVILLA - XUVENIL A, mañá domingo 18 de febreiro ás 12:15 no campo de El Crucero (Camargo, Cantabria)

Liga Nacional, 22ª xornada: CVC VALLADARES 0 - XUVENIL B 4 (José Rey, Daniel, Álvaro e Telmo)

Categoría cadete
División de Honra, 20ª xornada: CADETE 3 (Miguel de Labra, Abel e Lucas) - URAL ESPAÑOL CF 0
División de Honra, 20ª xornada: ED XUVENTUDE DE OROSO - SAN TIRSO SD CADETE, mañá domingo 18 de febreiro ás 13:00 no campo Lino Balado (Sigüeiro, Oroso)

Categoría infantil
División de Honra, 18ª xornada: CD AREOSA 1 - INFANTIL 1 (Nikolay)
División de Honra, 18ª xornada: SAN TIRSO SD INFANTIL - UD SANTA MARIÑA, mañá domingo 18 de febreiro ás 12:00 no Monte

Categoría alevín
Primera A Coruña de fútbol 8, subgrupo 1º, 15ª xornada: VICTORIA CF 0 - ALEVÍN A 7 (Martín López -2-, Iván Gil -2-, Sergio Fernández, David Gómez e Rui Caamaño)
Primera A Coruña de fútbol 8, subgrupo 1º, 15ª xornada: ATLÉTICO CORUÑA MONTAÑEROS CF 2 - FABRIL FC ALEVÍN 0

Categoría benxamín
Primera A Coruña de fútbol 8, subgrupo 1º, 15ª xornada: BENXAMÍN A - ORILLAMAR SD, o domingo 18 de febreiro ás 9:30 na Torre (campo 1.1)

Primera A Coruña de fútbol 8, subgrupo 2º, 15ª xornada: FABRIL FC BENXAMÍN 8 (César Leire -4-, Gael Fernández -2-, Martín Coronel e Martín Martelo)- OLÍMPICO CF 0