Borja Jiménez 'mete' xa ao seu cadro no partido e traslada á tarde a sesión de mañá venres en ABANCA-RIAZOR
Borja Jiménez non quere nin un descoido no seu cadro de cara á visita do Racing de Ferrol a ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 26ª xornada en Primera RFEF, previsto para este sábado 5 de marzo ás 19:00 horas (Footters).
Así, o técnico deportivista pasou á tarde (17:30) a sesión de mañá venres en ABANCA-RIAZOR prevista inicialmente para as 10:30 horas. Quere aos seus futbolistas concentrados e metidos de cheo no choque ante os ferroláns.
Esta mañá en Abegondo o equipo continuou coa preparación do encontro aínda que, como é habitual dous días antes de cada partido, con menos carga física.
Por conseguinte, despois dun quecemento con rondos, o adestrador branquiazul dispuxo como tarefas da mañá un exercicio táctico con porterías pequenas e unha tarefa de movementos ofensivos con finalizacións. Todo iso no campo 2 e por espazo dunha hora.
Víctor e Ian Mackay tiveron traballo individualizado. Precisamente o defensor Jaime Sánchez, en rolda de prensa esta mesma mañá, manifestou sobre o porteiro coruñés que "está a mellorar moito, progresando moi ben. Oxalá estea connosco canto antes".
Iso si, subliñou que Pablo Brea o pasado domingo en San Sebastián de los Reyes "fixo un partidazo. É difícil cando levas todo o ano sen xogar; e máis pola situación que está a pasar agora o equipo e no campo no que o fixo. Estivo espectacular. Non nos sorprende porque o vemos cada día adestrando e sabemos o potencial que ten. Alegrámonos moito por el porque sabemos que non era un partido fácil".
Trilli, Noel, Yeremay e Alberto foron a representación esta mañá de #ANOSACANTEIRA.