Abraiado pola emoción, recibo o triplo recoñecemento do Pleno Municipal da Coruña. Fillo adoptivo, unha rúa da cidade que mo deu todo e na que vivo desde hai 53 anos, e, como guinda, dar nome a un recinto deportivo no que traballei para o Dépor e para o Concello. É un hat trick como aqueles que facía Bebetiño, acordádesvos? Xa en serio: é unha tremenda esaxeración. Eu aínda moitas mañás me levanto e me pregunto o motivo polo que merezo tan inmenso agarimo. Con ese agarimo xa estaría pago máis que dabondo.
Penso que se trata dunha decisión tremendamente xenerosa cara á miña persoa e dun gran recoñecemento que merecerían –e, con toda seguridade, antes ca min mesmo– outros xogadores e adestradores do club da miña vida, o Real Club Deportivo.
Sabedes que a min sempre me gustou repartir xogo. Por iso, quero recalcar que esa cidade deportiva e esa futura rúa non serán a cidade deportiva Arsenio Iglesias nin a rúa Arsenio Iglesias, senón a cidade deportiva e a rúa do deportivismo, un sentimento que naceu hai 113 anos nesta cidade e que xamais morrerá. Neste sentido, quero desexarlles todos os éxitos nesta nova etapa ao meu amigo Fernando Vázquez, co que tiven o privilexio de codirixir a selección de Galicia, e ao presidente Fernando Vidal.
O meu agradecemento para os cinco grupos políticos representados no Pleno Municipal, que adoptaron esta decisión por unanimidade, o que me conmove.
Doulles as grazas tamén aos xornalistas Moncho Viña (Monchiño, non facía falta), Alfonso Hermida e Adrián Viña, por emprender unha campaña de sinaturas que desembocou nesta decisión.
Non pode faltar, claro, o meu recordo a todos os que foron os meus compañeiros e adestradores cando era futbolista, e a todos os xogadores aos que me tocou dirixir, e aos axudantes que me auxiliaron nesa tarefa.
O meu agradecemento tamén para a miña familia.
E, por suposto, grazas eternas a todos os deportivistas e coruñeses pola súa desmedida xenerosidade con aquel rapaz de Arteixo que un bo día de 1951 emigrou á Coruña co soño de facer feliz a afección de Riazor. Este recoñecemento que hoxe recibo faime pensar que nalgún momento o conseguín.
Sempre Dépor.
Arsenio Iglesias
16 de xaneiro de 2020