O cadro do Deportivo completou esta mañá quizais a sesión máis dura da semana con tarefas tácticas e físicas durante case dúas horas no céspede.
Borja Jiménez é consciente de que haberá máis tempo de recuperación antes do adestramento de mañá mércores, que será ás 17:00 horas, e apertou desta maneira aos seus futbolistas.
Após un quecemento con rondos e xogos, o corpo técnico dividiu ao seu cadro en dous grupos. Mentres un executaba un circuíto de forza supervisado polos preparadores físicos Luis Fandiño e Sergio Roca, o outro grupo, no campo 3, realizaba un exercicio táctico defensivo: "Dous ou tres días á semana fanse accións dun contra un en banda para permitir un centro lateral e que os defensas teñamos ese duelo cos dianteiros para mellorar nese aspecto", explicaba Adrián Lapeña esta mesma mañá en rolda de prensa.
Desvela o central rioxano ademais "traballos individualizados despois do adestramento na defensa do centro lateral coas novas incorporacións, Gorka; ou Quiles do ano pasado. Sérvenos para sumar un plus a esa concentración no adestramento para poder seguir mellorando no aspecto defensivo".
Iso si, lembra que "a obsesión en calquera aspecto da vida non é boa porque se che pode volver en contra. É bo darse conta de que maneira están a facerche o maior número de goles. É verdade que viñan en situacións de centro, pola forma que nós temos de xogar con moita xente arriba. O equipo contrario atácache por fóra e acaba poñendo balóns á área. Son situacións que son as máis difíciles de defender nun partido porque sempre estás en inferioridade. Estamos a traballar ese aspecto durante toda a pretemporada con gran intensidade, con gran concentración porque sabemos que a nada que melloremos nese aspecto imos dar un paso adiante importante para poder gañar os partidos".
A xornada completouse cun exercicio de inicio de xogo e un partido táctico condicionado, con constantes instrucións de Borja Jiménez.
Borja Granero comezou a súa progresiva incorporación aos traballos de grupo e realizou xa as primeiras tarefas co resto dos seus compañeiros; mentres que Yeremay, Dani Barcia, Jairo e Marcel foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.
Antoñito retirouse antes que o grupo aos vestiarios ao sufrir unha contusión na coxa, o típico 'bocadillo'.
O Dépor acelera así na súa posta a punto de cara ao partido deste sábado 3 de setembro ás 19:30 en ABANCA-RIAZOR ante a Balompédica Linense, correspondente á 2ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.