RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA perde dous puntos na última xogada (1-1)

O Deportivo ABANCA comezou a súa andaina lonxe de Abegondo esta temporada co mal sabor de boca de perder dous puntos cun gol a balón parado, após unha falta inexistente, na última acción do partido cando o seu rival, o Real Oviedo Femenino, xogaba con dez.

O encontro ante o adversario máis repetido na historia do Dépor ABANCA foi escaso en ocasións de gol. O noveno partido oficial entre ambos os equipos, un máis que os oito que as branquiazuis disputaron ante o Sporting de Gijón, quedou marcado por dúas accións: o golazo de Paula Gutiérrez que abriu o marcador e o postremeiro tanto do empate asturiano.

A primeira ocasión do partido chegou no minuto 3, nunha cabezada alta da uruguaia Yannel Correa nun saque de esquina. Ao cuarto de hora, Samara realizou o primeiro disparo coruñés, un tiro afastado que se perdeu á dereita da portería ovetense.

O céspede artificial provocou moitas imprecisións debido ao bote moi vivo da pelota, o que dificultou ás xogadoras engarzar accións ofensivas con velocidade. Henar probouno de novo de lonxe no minuto 27, perdéndose o coiro á esquerda da meta local. A mellor ocasión herculina produciuse no minuto 34, cando Raquel García disparou ao exterior do pau dereito á media volta despois de recoller un balón solto á saída dun saque de esquina.

Quen enganchou outro balón solto, tres minutos despois, foi Paula Gutiérrez. Fíxoo a 30 metros da portería e, após un pequeno control, enganchou unha volea que trazou unha parábola imposible para a gardameta do Real Oviedo Femenino. Foi o golazo que adiantou ás deportivistas.

As branquiazuis puideron abrir brecha no minuto 42, na súa mellor acción trenzada. Charle quedou man a man con Sara grazas a un bo desmarque e a un mellor pase en profundidade de Ainhoa Marín. Pero o zurdazo raso e cruzado da soriana atrapouno a porteira local.

A segunda metade arrancou polos mesmos camiños, sen accións meridianas en ningún dos dous ataques. Ata que no minuto 58, unha man involuntaria de Carlota Suárez, após un rexeite á saída dun córner, castigouna a colexiada con penalti. O lanzamento desde os once metros executouno Emma Martín que, aínda que enganou a Yohana, disparou por riba do traveseiro.

Ainhoa Marín dispuxo doutra boa oportunidade á hora de xogo, pero disparou fóra. A pouco máis dun cuarto de hora do asubío final, o Real Oviedo Femenino quedou con dez xogadoras. A venezolana Kimberlyn Campos foi expulsada por dous cartóns amarelos que viu no lapso de 40 segundos.

A pesar da superioridade numérica, o Dépor ABANCA non foi capaz de xerar perigo para sentenciar o choque. E o que ocorreu foi todo o contrario. Xa na última xogada do partido, a árbitra castigou inxustamente con falta un leve contacto co torso de Aroa Guerra sobre Isina. A propia capitá local colgou o balón ao segundo pau, onde Laura Riquelme o cabeceou ao fondo das mallas. A colexiada sinalou case de inmediato o camiño dos vestiarios.

Con este resultado, o Dépor ABANCA suma 4 puntos de 6 posibles, manténdose na zona alta da clasificación da Primera Federación Femenina.

Real Oviedo Feminino: Sara, Alejandra, Yannel Correa, Lucía Vallejo, Riquelme, Emma Martín (Marina, min. 82), Walsh (Kimberlyn Campos, min. 66), Isina, Yarima Font (Ortiz, min. 66), Yamila Badell (Jenny Corros, min. 78) e Sara Bermell (Anina, min. 82).

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Samara, Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Aroa Guerra, min. 84), Eva Dios (Laura Fernández, min. 54), Charle (Sara Navarro, min. 68) e Carlota Suárez (Millene, min. 68).

Goles: 0-1 Paula Gutiérrez (min. 37); 1-1 Riquelme (min. 90+5).

Árbitra: Irene López Brustenga (c. catalán). Expulsou por dobre amarela a Kimberlyn Campos (min. 73), Cartón amarelo a Riquelme (min. 7), Isina (min. 11), Henar (min. 23), Carlota Suárez (min. 58), Kimberlyn Campos (min. 72), Lucía Vallejo (min. 87), Millene (min. 90+2) e Aroa Guerra (min. 90+5). Tamén amonestou ao adestrador, Álex Rodríguez, e ao preparador físico, Daniel Álvarez, do Real Oviedo Femenino por saltar ao campo tralo gol do empate (min. 90+5).

Incidencias: partido da 2ª xornada de Primera Federación Femenina disputado nas Instalaciones Deportivas HFE Tensi.