RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor busca mañá ante a Cultural Leonesa a súa terceira vitoria consecutiva en liga e en ABANCA-RIAZOR

Após caer a pasada fin de semana na primeira eliminatoria da Copa do Rei en Guijuelo, o Deportivo regresa á liga en ABANCA-RIAZOR mañá domingo 20 de novembro coa visita da Cultural Leonesa ás 19:00 horas (TVG-2 e InSports.tv), en partido correspondente á 12ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

O conxunto de Óscar Cano, despois de vencer en Alxeciras hai 15 días no seu segundo triunfo consecutivo por segunda vez no que vai de liga, é 6º na táboa con 21 puntos, os mesmos que o Real Madrid Castilla, 5º e xa en postos de playoff de ascenso.

Así pois, o equipo márcase como reto lograr a súa terceira vitoria consecutiva en liga e a súa terceira seguida en ABANCA-RIAZOR, onde o vestiario sabe que "hai que facerse forte, que é por onde pasa o ascenso", en palabras de Antoñito ante os medios de comunicación.

Onte, en rolda de prensa, Óscar Cano explicaba que "veñen agora 6 xornadas até as vacacións de Nadal onde hai moito enfrontamento directo, onde os equipos van acelerar por tratar de conseguir aqueles puntos que queremos conseguir antes de terminar a primeira volta para ter esa máxima esperanza de disputar a liga ante os nosos máis directos rivais".

Por iso cre que esa terceira vitoria consecutiva sería "importante non só a nivel anímico senón que a nivel clasificatorio valeríanos de moito, dar ese golpe, facer 3 seguidas co difícil que é nesta categoría. Os rapaces pasarían unha semana marabillosa no caso que sexamos capaces de encadear varios triunfos consecutivos".

Villares, Borja Granero e Pablo Martínez pérdense o choque por lesión, xa que Ian Mackay recibiu hoxe mesmo a alta médica e entrou na lista; mentres que Dani Barcia é o representante de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 21 futbolistas, a pesar de que hoxe tamén se adestraron co primeiro equipo Brais Val e Ángel Puerto.

Edu Sousa, un dos candidatos a ocupar a portería, admitiu en rolda de prensa esta semana que, de producirse o seu debut como titular, o escenario "é inmellorable. O que é ABANCA-RIAZOR e o ambiente que se xera a fin de semana que se xoga en casa é excepcional".

Os Nosos realizaron esta mañá en ABANCA-RIAZOR un último ensaio previo ao partido, ademais cun quecemento, rondos, finalizacións e repaso ás accións a balón parado.

Pola súa banda, a Cultural Leonesa é 12ª con 15 puntos despois de caer (1-3) no seu campo ante o CF Rayo Majadahonda na súa segunda derrota consecutiva.

Lonxe do Reino de León, a 'Cultu' esta temporada gañou en Alxeciras (0-1) e Talavera de la Reina (2-3); e perdeu en Ferrol (3-2), Alcorcón (2-0) e ante a Balompédica Linense (1-0).

Sen disputar a Copa, o equipo leonés xogou a pasada semana un amigable ante o Zamora CF no Estadio Reino de León saldado con empate (1-1).

Mañá domingo será un día especial para o ex deportivista Pablo Trigueros, enrolado esta temporada na Cultural. En rolda de prensa manifestou estar "contento por volver. É un sitio no que se respira un ambiente de fútbol incrible; e estou feliz por ir de volta alí e con moitas ganas de xogar este partido".

Comenta que "ABANCA-RIAZOR axuda a gañar partidos. A afección é un plus en todos os equipos pero creo que o xogador ten que soportar esa presión e ir con todas. Non nos vai a influír que haxa 18.000 persoas, 15 ou 16.000. Temos que ir facer o noso partido, un gran partido, facer as cousas como as estamos facendo, corrixir eses pequenos detalles que nos están custando máis".

Lembra da temporada pasada xogar "un partido e ben en Copa e en liga. Non xoguei todo o que me gustaría, está claro. É un gran sitio para demostrar nivel, para estar. É un Club moi grande, estiven moi contento de estar alí pero agora contento tamén na Cultural e a facer un gran ano aquí".

Pola súa banda, Edu Docampo, técnico do conxunto leonés, manifestou que "o equipo se atopa ben, con ilusión, con ganas, traballando, como sempre tentando mellorar".

Comenta o adestrador vasco que "ABANCA-RIAZOR é un campo moi bonito, cun moi bo ambiente, cun equipo con historia. É un partido motivante para calquera futbolista".

Do Dépor destaca que "ten un potencial ofensivo enorme, con moi bos futbolistas" pero insiste en que "a idea é ir gañar e para gañar hai que tentar recibir o menos posible e marcar os máximos posibles".

Preto dun centenar de afeccionados leoneses arrouparán ao seu equipo nas bancadas de ABANCA-RIAZOR.

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 21 ás 10:30 en Abegondo.