Vicente Gómez manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o feito de poder adaptarse a diferentes sistemas de xogo "fala un pouco en favor do completo que é o cadro. Pasamos por liña de 3 en defensa; logo en rombo; o partido anterior con 3 puntas e 3 centrocampistas..."
O centrocampista canario indica que séntese "cómodo en varios sistemas. Podo adaptarme a calquera posición do centro do campo".
O bo partido disputado polo Deportivo o pasado domingo ante o Albacete Balompié en ABANCA-RIAZOR serve, ao seu xuízo, de "reforzo positivo para o equipo. O día de Mallorca non estivemos ben pero contra o CD Lugo fixemos un partido moi completo. O non ter reforzo nos resultados pode condicionar a percepción do que estamos a facer. Temos que manternos fríos niso, tentar manter o mesmo nivel e volver atoparnos. Gañar coa superioridade que se gañou a un gran equipo como o Albacete, que perde poucos partidos, é importante. Toca ratificalo en Xixón".
Co obxectivo do ascenso directo, Vicente indica que "temos que enlazar tramos de vitorias consecutivas. Iso implica gañar fóra de ABANCA-RIAZOR. Pero moitos ou todos os equipos basean os seus obxectivos nos partidos de casa. É moi complicado puntuar fóra. Estamos nunha boa situación e se somos capaces de ir gañando algún partido fóra e manter o nivel que estamos a ter en casa, podemos dar un pasiño máis. Desde a tranquilidade e con ambición; non coa ansia de ter que gañar fóra".
Explica a diferenza dos partidos da Coruña aos de fóra por "un tema de comodidade, se cadra psicolóxico. Nesta categoría, o cambio de activación, de agresividade, de apertar arriba é diferencial. Ves moitos equipos que pouco se parecen a súa versión local coa visitante. O noso obxectivo é parecernos moito e ter o mesmo nivel de activación para poder lograr os obxectivos".
A presenza masiva de afeccionados nas bancadas de El Molinón este domingo 27 de xaneiro no encontro ante o Sporting de Gijón (18:00 horas, Movistar Partidazo), para Vicente Gómez será unha axuda: "A afección aquí sempre nos leva polo aire. Coñecía que a xente aquí era moi fiel, animaba sempre. Vivilo de preto é espectacular. Falábao con algún compañeiro. O día de Mallorca, que non fas un bo partido, perdes, e a xente pídeche que che achegues para aplaudir. Para min é algo moi importante e referenda a responsabilidade que temos con eles de tentar facer as cousas ben e que se sentan orgullosos do seu equipo".
Deixa claro o futbolista branquiazul sobre o partido que "se gañamos non significa que imos ascender directo e se perdemos non significa que imos perder esas opcións. Aínda quedan moitísimos partidos por diante. Na competición vanse dando momentos, situacións que se cadra saes máis reforzado: vés dunha mala dinámica, ganas con boa imaxe, podes repetir vitoria, volves gañar fóra, fas dúas vitorias seguidas... E pódeche cambiar un pouco. Pero isto do fútbol é moi complicado, en Segunda División moito máis".
Do Sporting, opina que é "un bo equipo que quizais non se estaban atopando. Empezaron ben, logo tiveron dificultades que acabaron coa destitución do técnico. Quizais era máis ben por detalles. A igualdade da categoría fai que pequenos detalles marquen diferenzas. Volveron a reencontrarse no seu xogo. Xente importante que ficharan están a empezar a render, están a facer goles".
Cre que Carmona é "o seu xogador diferencial. Dos mellores da categoría. Se queremos facer as cousas ben hai que tentar illalo a el".
Recalca que, despois de varios meses sen gañar lonxe de ABANCA-RIAZOR, "ansiedade non temos ningunha. Temos ambición. Somos conscientes de que para conseguir os obxectivos ambiciosos que temos hai que mellorar fóra e gañar".