RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor reconquista o Teresa Herrera ante o Real Betis (1-0)

O Deportivo 2019-2020 presentouse ante a súa afección cunha convincente vitoria ante o Real Betis, grazas a un gol de Bóveda após unha fenomenal acción coral mediado o segundo tempo, coa que volve gañar o seu histórico trofeo despois de perdelo o curso pasado a mans do Athletic Club.

Comezou máis entoado o conxunto dirixido por Juan Antonio Anquela, que gozou da primeira ocasión clara no minuto 10. Foi nun potente lanzamento de Mamadou Koné ao que respondeu Joel cunha gran intervención, desviando o coiro a saque de esquina.

O Betis non se achegou con claridade aos dominios de Dani Giménez até o minuto 28. Alfonso Pedraza driblou a todo aquel que lle saíu ao paso polo costado esquerdo do ataque verdibranco e o seu frouxo disparo acabou estrelado contra o pau dereito da portería coruñesa após rozar en Lampropoulos.

O partido abriuse algo máis no cuarto de hora final do primeiro acto, con ocasións en ambas as áreas. Primeiro respondeu de novo Joel a un tiro lonxano de Borja Valle. Acto seguido, Emerson enviou alto un canonazo de socato após unha deixada, de costas a portería e moi preto dela, de Loren.

Con todo, o encontro chegou ao intermedio sen moverse o marcador.

Tralo descanso, o Deportivo saíu de novo cunha marcha máis. Produto desa intensidade, Aketxe avanzou cara á portería bética e soltou un zurdazo cruzado ante o que volveu responder magníficamente o gardameta rival, desviando a pelota a saque de esquina.

Con todo, o Betis reaccionou pronto. Nunha longa acción de ataque, roldando o minuto 55, Somma sacou baixo paus un remate cruzado de Pedraza e, a continuación, Dani Giménez detivo en dous tempos un duro lanzamento de Lainez desde o bordo da área.

Pero o Dépor non estaba hoxe para concesións. Non transcorreran nin 60 segundos máis cando Diego Caballo estrelaba na mismísima cruceta un espectacular zurdazo desde 30 metros.

Foi o preludio do tanto deportivista, que chegou nunha brillante acción trenzada de ataque. Álex Bergantiños buscou a Koné na media lúa. O marfileño, de costas a portería, cun suave toque filtrou o balón entre os centrais para a irrupción desde atrás de Bóveda. O lateral dereito definiu á perfección coa súa bota esquerda para superar a Joel no man a man.

A pesar da vantaxe e aos múltiples cambios, o Deportivo seguiu buscando con afán o marco contrario. No minuto 67 foi David Sánchez quen acariñou o gol após unha gran cabalgada polo centro que cortou William Carvalho xusto cando o centrocampista se dispuña a disparar. No minuto 72, Borja Galán contemporizou á entrada na área polo sector dereito, esperando un desmarque ou que David Simón, xa no campo en lugar de Bóveda, lle dobrase. O extremo acabou optando por buscar portería pero o seu tiro, ben dirixido, acabou en saque de porta após golpear en Christian Santos.

O dianteiro venezolano foi o protagonista da última acción de ataque branquiazul, ao finalizar unha boa acción de todo o equipo, sacando o balón xogado desde atrás con paciencia e precisión. Javi Sánchez foi quen acabou levando o balón á área e deixándoo atrás para a chegada de Christian, que errou no seu primeiro remate e na segunda opción disparou por encima do traveseiro.

Xa no tempo engadido, o Betis tivo a opción de levar o encontro á quenda de penaltis. Unha acción na que a defensa branquiazul non foi capaz de afastar o perigo en varias ocasións e que acabou cun remate mordido de Juanmi que, após golpear en Mujaid, Dani Giménez evitou que se escapase a un córner que concedería outra opción máis ao cadro andaluz.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda (David Simón, min. 64), Lampropoulos (Mujaid, min. 78), Somma (Bourdal, min. 78), Diego Caballo (Luis Ruiz, min. 64), Álex Bergantiños (Gandoy, min. 63), Gaku (David Sánchez, min. 63), Borja Galán (Valín, min. 78), Aketxe (Vicente Gómez, min. 63), Borja Valle (Javi Sánchez, min. 78) e Koné (Christian Santos, min. 63).

Real Betis: Joel Robles, Emerson (Barragán, min. 69), Bartra (Feddal, min. 27), Sidnei, Pedraza, William Carvalho, Kaptoum (Javi García, min. 69), Canales (Joaquín, min. 69), Fekir (Raúl, min. 78), Lainez (Tello, min. 69) e Loren (Juanmi, min. 78).

Gol: 1-0 Bóveda (min. 63).

Árbitro: Javier Iglesias Villanueva (c. galego). Cartón amarelo a Pedraza (min. 87).

Incidencias: partido correspondente ao LXXIV Trofeo Teresa Herrera de fútbol masculino disputado no Estadio Municipal ABANCA-RIAZOR ante 14.875 espectadores. Ager Aketxe, do RC Deportivo, recibiu o trofeo ao Xogador Estrella Galicia do torneo.