RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

A Fundación LaLiga escolle Abegondo por segunda vez consecutiva para ser unha das sedes de LaLiga Genuine 2024-25

O RC Deportivo volve estar de parabén porque a Fundación LaLiga elixiu Abegondo para ser unha das sedes de LALIGA GENUINE 2024-25 tal e como sucedera na campaña 2018-19 e na pasada 2023-24.

Os criterios para esta elección están baseados na "idoneidade das instalacións deportivas", en referencia á Cidade Deportiva de Abegondo; así como o "compromiso e a implicación" da Fundación RC Deportivo no proxecto.

LALIGA GENUINE é unha competición de fútbol desenvolvida por LALIGA, a través da súa Fundación, e pioneira en promover a integración de persoas con discapacidade intelectual na sociedade a través do fútbol. 

Ademais do Dépor Genuine, intégrana outros 46 equipos procedentes de toda a xeografía española, con algo máis de 1.200 xogadores e xogadoras; e asentada como un referente no deporte inclusivo e unha celebración da diversidade.

Os equipos quedarán divididos en 2 grupos baixo os nomes de Compañeirismo e Respecto, dos que sairán dous campións deportivos e dous de fair play cando finalice o calendario, que estará dividido en 4 fases, distribuídas en 6 sedes.

A primeira das 6 paradas será Tarragona, co Nàstic de Tarragona como club anfitrión, quen recibirá a todos os equipos Genuine do 22 ao 24 de novembro no Fútbol Salou Sports Centre. A cerimonia de inauguración será no Nou Estadi Costa Daurada.

A segunda fase, dividida en dúas sedes, trasladará á comunidade Genuine ás cidades de Valencia e A Coruña. Os días 8 e 9 de febreiro de 2025 os equipos viaxarán á Cidade Deportiva de Paterna, co Valencia CF como club anfitrión. Os días 15 e 16 de marzo será o RC Deportivo o que acolla ao resto na Cidade Deportiva de Abegondo, que repite por segundo ano consecutivo.

Tamén dividida en dúas sedes, a terceira fase distribuirase entre as cidades de Vila-real e Burgos. Primeiro LALIGA GENUINE viaxará até a Cidade Deportiva José Manuel Llaneza os días 26 e 27 de abril, onde o Vilarreal CF será o anfitrión. Ao mes seguinte, os días 10 e 11 de maio, o Burgos CF acollerá á penúltima parada da competición na súa Cidade Deportiva.
 
Para finalizar, do 30 de maio ao 1 de xuño terá lugar a máis que esperada gran final da competición que reunirá aos 47 equipos que a compoñen. O Athletic Club será o encargado de recibir a toda a gran familia Genuine na súa Cidade Deportiva de Lezama, onde se disputarán os últimos e máis emocionantes encontros da edición.

LALIGA GENUINE é un proxecto que fomenta a igualdade, a tolerancia e o respecto mediante a forza do fútbol, pero tamén mediante programas de inclusión sociolaboral e de apoio á formación dos seus integrantes.