A venezolana Michelle, nova fichaxe do Dépor ABANCA
Michelle Yeraldine Romero Castillo (Maracaibo, Venezuela, 12 de xuño de 1997) é a décima incorporación do Deportivo ABANCA 2017-2018, líder do grupo 1º de Segunda División Nacional con 58 puntos, con 1 de vantaxe sobre o Oviedo Moderno, que ten 57, a seis xornadas para a conclusión do campionato.
Michelle chega ao Deportivo procedente do Zulia FC de Maracaibo, onde actuou indistintamente como lateral ou extremo por ambas as bandas.
A nova futbolista branquiazul disputou dúas Copas do Mundo con seleccións venezolanas de categorías inferiores. En primeiro lugar, participou no torneo sub-17 celebrado en 2014 en Costa Rica, no que a 'Vinotinto' alcanzou as semifinais. Posteriormente, acudiu coa selección sub-20 ao campionato mundial da categoría disputado en Papúa Nova Guinea, en 2016.
Michelle formou parte de ambas as seleccións xunto ás xa deportivistas desde a temporada pasada Kika Moreno e Gaby García.
Tamén co combinado nacional venezolano e igualmente xunto a Kika e Gaby, Michelle proclamouse campioa suramericana sub-17 (2013) e subcampioa sub-20 (2015).
Coa incorporación de Michelle, Manu Sánchez, adestrador branquiazul, conta con 22 futbolistas ás súas ordes: Sheila, Malena e Anita (porteiras), Miga, Raquel, Miriam, Silvia Mérida, Laura Vázquez, Cris, Patri Rúa e Michelle (defensas), Teresa Abelleira, Iris, Lía e Kika Moreno (centrocampistas), Cris Oreiro, Estefi, Nuria, Jone, Peke, Gaby García e Sara (dianteiras).