RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Abanca-Riazor estreará este venres a iluminación perimetral completa do terreo de xogo

O Dépor-Almería que se disputa mañá en Abanca-Riazor a partir das 21:00 h. suporá a estrea do anel de iluminación completo do terreo de xogo. 

A infraestrutura instalada polo Real Club Deportivo en dúas fases, o pasado mes de setembro (Tribuna e Preferencia) e neste arranque de 2019 (Marathón e Pavillón), foi testada a pasada noite polos técnicos especialistas para garantir o seu correcto funcionamento de cara ao partido de mañá.

O proxecto de iluminación, no que o Real Club Deportivo investiu 1,9 millóns de euros, foi desenvolvido en base ás especificacións de LaLiga coa participación da empresa coruñesa Área 34 Enxeñaría e Servizos, utilizando proxectores Philips fornecidos por Grupo Novelec Galicia e instalados por Arias Infraestruturas. 

Desde mañá, Abanca-Riazor contará con 352 proxectores operativos Philips ArenaVisión LED Floodlight de segunda xeración, cunha potencia unitaria de 1314 w e 147915 lum, que achegarán unha iluminancia media sobre o terreo de xogo que oscilará entre os 2639 e os 2793 luxes. Estes valores permiten retransmitir por televisión todos os eventos con tecnoloxía 4K. Desde o inicio de temporada e até o anterior partido os proxectores instalados e operativos no Estadio eran 200 deses 352.

A iluminación retirada e substituída o pasado verán após varios lustros de uso, estaba composta por 287 proxectores GE, cunha potencia unitaria de 1650 w e 177000 lum, que achegaban unha iluminancia media sobre o terreo de xogo de 1050 lux e que, ante un eventual corte de subministración como sucedeu hai dous anos fronte a Osasuna, necesitaban 15 minutos de reencendido para alcanzar de novo o 100% de potencia lumínica. Coa nova iluminación o tempo de reencendido redúcese a menos dun segundo, un tempo que case resultará inapreciable para o espectador e que garantirá a continuidade do evento deportivo.

Para a nova instalación, necesitáronse 15.530 metros de cable eléctrico de distintas seccións, 2.380 metros de cable de datos UTP/DMX e 880 metros de cable de fibra óptica. Para a protección eléctrica dos proxectores instaláronse 16 novos cadros eléctricos de potencia, repartidos polas distintas salas eléctricas das que dispón o Estadio. Ademais para o control dos proxectores instaláronse 5 cadros de control, que controlarán de forma independente a iluminación do catro bancadas do estadio.

Aínda que onte á noite realizáronse probas ao 100% de potencia, durante os partidos só é necesaria unha iluminación cun 40% da potencia máxima total, suficiente para os estándares de retransmisión televisiva de LaLiga 1|2|3, e evitando así polo momento as incidencias que puidese ocasionar a limitación de potencia eléctrica da que dispón a instalación actualmente. Proximamente tamén se poderán desenvolver shows lumínicos similares aos dos estadios que xa dispoñen desta nova tecnoloxía 100% LED instalada.

O proxecto requiriu ademais da montaxe dun novo grupo electrógeno acorde a esta nova iluminación LED de última xeración do recinto. A licitación, á que se presentaron 3 empresas, gañouna a compañía coruñesa Cabager. O novo grupo electrógeno ten unha potencia de 1.250 KVA. 

O proxecto completarase nunha terceira fase coa instalación de 72 proxectores máis para a iluminación das bancadas que achegarán melloras de seguridade e estéticas.