RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

ABANCA-RIAZOR tamén noquea ao líder (1-0)

Un gol de Sabin Merino, o segundo en dous partidos como deportivista, venceu a resistencia do líder de LaLiga SmartBank, o Cádiz CF, que caeu en ABANCA-RIAZOR ante un sólido Deportivo, que soubo esperar o seu momento e acertar cando chegou o mesmo, após unha brillante acción de Gaku Shibasaki.

O técnico deportivista, Fernando Vázquez, realizou un só cambio con respecto ao once que presentou o pasado xoves na terceira vitoria consecutiva do equipo, ante o Real Racing Club en ABANCA-RIAZOR. Mamadou Koné, con febre alta nas últimas horas, quedou mesmo fóra da convocatoria. O seu lugar no equipo titular ocupouno Víctor Mollejo.

Saíu o Deportivo con boa cara e pronto se achegou con perigo á área gaditana, aínda que sen chegar a concretar remate algún, como nunha acción na que Gaku non se atreveu a empalmar ao bordo da área un rexeite en curto da zaga visitante. Foi o Cádiz o primeiro en disparar, por medio de Lozano, nun centro de Espino desde a esquerda. No minuto 12 foi Nano Mesa quen o tentou. O seu lanzamento desviouno lixeiramente Montero e o coiro acabou mansamente nas mans de Dani Giménez.

Ao cuarto de hora, un problema muscular obrigou a Salva Ruiz a abandonar o terreo de xogo. Luis Ruiz ocupou a súa posición no lateral esquerdo.

Nada máis entrar ao campo Luis Ruiz, o Cádiz acariñou o gol nunha cabezada peiteada por Garrido, nun saque de esquina lanzado por Alberto Perea. O coiro perdeuse por encima do traveseiro da portería coruñesa.

No ecuador do primeiro período, o xogo detívose após unha man de Espino a centro de Aketxe. A pesar de recibir o aviso do VAR, Gorostegui Fernández-Ortega mandou seguir o xogo. Pouco despois, Aketxe dispuxo dun afastado libre directo que se perdeu por pouco á esquerda da portería de Cifuentes. Ao fío da media hora, Sabin Merino cabeceou desviado un centro desde a esquerda de Gaku.

O cuarto de hora final da primeira metade careceu de accións de ataque reseñables, despois de desenvolverse entre longas posesións dun e outro equipo.

A segunda metade comezou coa mesma tónica do tramo final da primeira. Dous equipos tratando de madurar as súas opcións de ataque, levando as súas posesións de balón ao extremo, tratando de gardar a pelota o máximo posible.

No minuto 65, unha desas longas posesións acabou co 1-0. A pelota acabou chegando aos pés de Gaku que, entre liñas, avanzou e cun sutil toque perforou o centro da zaga andaluz e deixou a Sabin Merino só ante Cifuentes. O recentemente chegado dianteiro vasco levou o balón ao fondo das mallas, anotando o seu segundo gol noutros tantos partidos coa camiseta deportivista.

O Deportivo soubo nadar e gardar a roupa e pechar todos os espazos a un Cádiz que practicamente monopolizou a posesión do balón. Con todo, o equipo amarelo só disparou a porta nunha ocasión, no minuto 89, por medio de Alberto Perea. O derechazo do extremo esquerdo do cadro gaditano marchouse por moi pouco preto do vértice dereito da portería de Dani Giménez.

O equipo branquiazul sumou deste xeito a súa cuarta vitoria consecutiva, coa que alcanza os 24 puntos que lle fan saír, a falta da conclusión da xornada, das posicións de descenso. Desde a chegada de Fernando Vázquez, o equipo sumou 3 vitorias en 3 partidos, nos que soamente encaixou un gol, o marcado o pasado xoves por Álvaro Cejudo para o Racing de Santander.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Mujaid, Somma, Montero, Salva Ruiz (Luis Ruiz, min. 16), Peru Nolaskoain (Álex Bergantiños, min. 85), Gaku Shibasaki, Aketxe, Sabin Merino e Mollejo (Vicente Gómez, min. 80).

Cádiz CF: Cifuentes, Iza Carcelén, Cala, Rhyner, Espino, Edu Ramos (Bodiger, min. 74), Garrido (Iván Alejo, min. 68), Álex Fernández, Nano Mesa, Lozano (Pombo, min. 64) e Alberto Perea.

Gol: 1-0 Sabin Merino (min. 65).

Árbitro: Gorostegui Fernández-Ortega (c. vasco). Cartón amarelo a Garrido (min. 42), Alberto Perea (min. 49), Peru Nolaskoain (min. 54), Iza Carcelén (min. 80) e Sabin Merino (min. 85).

Incidencias: partido da 24ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 24.345 espectadores.