Antonio Couceiro Méndez, presidente do RC Deportivo e da Fundación RC Deportivo, e Manuel Vázquez Martínez, presidente da AFAC e exconselleiro do Club, asinaron esta tarde na sede Deportivista da praza de Pontevedra un novo convenio de colaboración para o próximas tres temporadas, prorrogable por dúas campañas máis, con importantes novidades respecto da histórica relación entre o Club e a Asociación.
A primeira é a incorporación como institución vehiculadora da relación da Fundación RC Deportivo polo carácter formativo, social e educativo sobre o que se estrutura o convenio, destacando a importancia do traballo que desenvolven os clubs de fútbol afeccionado da Coruña integrados na AFAC, na formación deportiva da poboación infantil e xuvenil.
Deste xeito o RC Deportivo e a Fundación inician un proxecto de futuro e, ao mesmo tempo, unha nova etapa coa AFAC e os seus clubs, que se caracterizará pola comunicación, a colaboración e o apoio mutuo. A aposta decidido pola canteira constitúe un dos eixos estratéxicos na dirección e xestión do RC Deportivo, e que se sustenta fundamentalmente no Fabril, nos equipos masculinos e femininos de fútbol formativo do RC Deportivo e dos clubs de futbol afeccionado reunidos ao redor da AFAC.
Como sucedía historicamente concederanse, a través da Fundación, diversas axudas aos clubs da AFAC por medio deste convenio, e a través do RC Deportivo diversos beneficios aos membros da AFAC. Pola súa banda, a AFAC asume o compromiso de ser a plataforma do fútbol base do RC Deportivo, mediante a tarefa da detección de talento e formación deportiva que redunde nunha mellora progresiva da súa cualificación, a partir da metodoloxía e criterios técnicos que estableza o RC Deportivo de común acordo coa AFAC, coa finalidade de que os xogadores máis destacados cheguen a incorporarse ao RC Deportivo.
O novo convenio estrutúrase sobre catro eixos:
- Formación deportiva aos clubs da AFAC
Co fin de contribuír á mellora da formación dos técnicos deportivos dos clubs integrados na AFAC, que favorecerá a súa cualificación e unha mellor formación e adestramento de quen integran os cadros deportivos masculinos e femininos dos diferentes clubs, o RC Deportivo organizará e convocará xornadas de formación e actualización técnica para todas as persoas que realizan un desempeño formativo e técnico deportivo nos clubs da AFAC. Ademais, aplicará un desconto do 50% sobre o custo de cada curso da Escola de Adestradores do RC Deportivo, e que poidan realizar os ensinos deportivos de réxime especial, co fin de obter o título oficial de Técnico Deportivo e/ou Técnico Deportivo Superior en Fútbol. Os mellores expedientes académicos de entre o alumnado que obteña o seu título na Escola do RC Deportivo e que desempeñen tarefas técnicas en equipos de clubs pertencentes á AFAC, poderán realizar as prácticas no RC Deportivo, coa posibilidade de incorporarse no futuro á estrutura de este, sempre que non supoña un prexuízo para o seu club de procedencia. Ademais, o RC Deportivo negociará co seu provedor de servizos do Sistema de Xestión Integral unha oferta para ofrecer o mesmo aos clubs da AFAC a un prezo moi reducido. Así, o club da AFAC que o considere oportuno poderá contratar este servizo a través do cal o RC Deportivo compartiría o seu coñecemento a nivel metodolóxico, test físicos, detección de talento, recuperación de lesións, etc. ao mesmo tempo que daría formación a persoal dos devanditos clubs para o mellor aproveitamento do sistema. Desta maneira, os clubs interesados contarán cunha ferramenta profesional para recoller a evolución e formación de cada xogador, estando conectados co RC Deportivo para o mellor desempeño da información.
- Fomento do Deportivismo
O RC Deportivo porá a disposición das persoas deportistas que teñan licenza federativa cos equipos da AFAC, un desconto especial do 70% sobre o prezo do abono corrente de cada localidade, no alta ou na renovación do abono, obtendo todos os dereitos e vantaxes como persoa abonada ao RC Deportivo.
O RC Deportivo elaborará un proxecto de futuro do TROFEO TERESA HERRERA de fútbol co fin de recuperar o seu carácter festivo e turístico no marco das Festas María Pita que organizará en coordinación e colaboración do Concello da Coruña e da AFAC.
O RC Deportivo e a AFAC organizarán, de común acordo, O DÍA DO FÚTBOL AFECCIONADO, no marco dun partido a determinar cada temporada (esta será o Dépor-Cultural Leonesa do sábado 19 de marzo en ABANCA-RIAZOR e parte de cuxa recadación se destinará á AFAC).
Finalmente, o RC Deportivo, en aras de fomentar a vinculación dos deportistas suxeitos do acordo co Club, porá a disposición dos clubs integrantes de AFAC a posibilidade de que un xogador do primeiro equipo (masculino e/ou feminino) do RC Deportivo visite o club dos deportistas suxeitos deste acordo unha vez por temporada.
- Achega económica á formación
En recoñecemento do enorme esforzo que veñen realizando os clubs integrados na AFAC e co fin de apoialos na promoción do fútbol de base, a Fundación realizará unha achega económica á AFAC en función do número de equipos que teña cada club da AFAC nas diferentes categorías, segundo o número de equipos, tanto masculinos como femininos dos que dispoña. Ademais, haberá retribución por cada deportista que dispute un partido oficial, polo menos durante 45 minutos, co primeiro equipo masculino ou feminino do RC Deportivo, para quen fosen formados en clubs da AFAC, ou debuten coas seleccións nacionais sub-21 ou absoluto. No caso de que o RC Deportivo realizase un traspaso dun xogador proveniente dalgún club da AFAC, a Fundación tamén realizará unha achega.
- Fomento especial do fútbol feminino
Co fin de promover e apoiar a creación de equipos femininos, a Fundación achegará fondos adicionais a todos os clubs que teñan, polo menos, un equipo feminino federado de fútbol base, unha achega variable en función da categoría na que milite o primeiro equipo absoluto feminino do RC Deportivo.
Para a activación deste novo convenio constituirase unha Comisión Mixta de seguimento do Convenio nun prazo non superior a un mes desde a data da firma do presente Convenio. En cumprimento do compromiso adquirido pola AFAC de ser a plataforma do fútbol base do RC Deportivo, mediante a tarefa da detección de talento, esta Comisión Mixta de Seguimento deberá presentar ao RC Deportivo e á AFAC, antes de finalizar cada ano natural, un informe daqueles xogadores pertencentes aos clubs integrados na AFAC, acerca da súa capacidade e posibilidades de incorporación aos equipos de fútbol basee do RC Deportivo.