RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Antonio Couceiro, novo presidente do Real Club Deportivo após dimitir o anterior Consello de Administración

O Real Club Deportivo decidiu nomear un novo Consello de Administración após a renuncia presentada na tarde de hoxe polo anterior. Á fronte do novo Consello estará Antonio Couceiro, presidente da Cámara de Comercio da Coruña, de AFIGAL e CESGAR. O resto de conselleiros serán: Eduardo Blanco, Carlos Cantó, Emma Lustres e David Villasuso.

O Real Club Deportivo quere agradecer ao Consello saínte o traballo realizado durante o tempo que estiveron á fronte do Club e a entrega coa que afrontaron o mandato recibido dos socios e accionistas após a última Xunta.

Con esta medida, o Club incorpora ao seu Consello perfiles profesionais moi enfocados na xestión deportiva e empresarial, cunha traxectoria moi destacada nos ámbitos público e privado.

Antonio Couceiro Méndez (A Coruña, 1955). É enxeñeiro de Camiños. Conta cunha ampla experiencia en xestión pública e privada. Actualmente, é presidente da Cámara de Comercio da Coruña, de AFIGAL e CESGAR. Anteriormente, presidiu a Autoridade Portuaria da Coruña, foi director xeneral de Begano e Conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Eduardo Blanco Pereira (A Coruña, 1955). Licenciado en INEF, doutor en Dereito e máster en Dereito deportivo. É presidente da Federación de Asociacións de Xestión do Deporte de España (FAGDE) e preside a Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE). É docente en varias universidades e coautor de varios libros de Xestión e dereito do deporte. Conta desde 2006, coa Medalla ao Mérito Deportivo concedida polo goberno de España e coa insignia de ouro da Federación de Asociacións de Xestores do Deporte de España (FAGDE).

Carlos Cantó Navés (Barcelona, 1967). Licenciado en Administración de Empresas e MBA por ESADE Business School e experto no mundo da mercadotecnia e dos patrocinios. É o CEO de SPSG Consulting Vocal e coordinador do capítulo “Mercadotecnia Deportiva” da Asociación de Mercadotecnia de España, ademais de membro do Advisory Board do “World Football Summit” (WFS). Carlos é profesor asociado en Sports “Business” en ESADE Business School, Colaborador en diferentes medios (Expansión, Palco23, Forbes edición España-, etc.) e profesor convidado en diversas escolas de negocio (IESE, Columbia University, IE, EAE, etc.) Liderou proxectos deportivos e de lecer en 25 países e participa en eventos e informes relacionados coa industria do deporte.

Emma Lustres Gómez (O Grove, 1975). É a fundadora de VACA Films Studio e puxo en marcha VACA TV e VACA NET TV. Vaca Films estableceuse nestes anos como unha das produtoras independentes líderes en España, desenvolvendo desde hai anos películas e series de éxito. Ten un gran coñecemento das grandes produtoras nacionais e internacionais que xogarán un papel relevante no mercado dos dereitos de televisión.

David Villasuso Castaño (A Coruña, 1973). Actual conselleiro e director xeral do Real Club Deportivo. Chegou procedente de ABANCA. Licenciado en Empresariais pola Universidade da Coruña, Villasuso desenvolveu practicamente toda a súa carreira no sector bancario, pois entre 2003 e 2020 pasou por Deutsche Bank e Banco Etcheverría entre outros.