Iván Barbero e Yeremay Hernández pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.
O ariete andaluz admitiu que "quizais nos está custando facer goles". Opina que "os goles en contra estannos chegando moi fácil", pero confía en "seguir traballando para sacar a situación adiante".
Barbero valora a calidade do rival e a efectividade que tivo no partido e confesa que os dous goles temperáns "fixéronnos bastante dano".
O xogador admite que está doído, pero "traballamos moito durante a semana para reverter a situación actual". O andaluz, que remarca a dificultade de remontar partidos con dous goles por baixo, conclúe que "temos que dar un paso á fronte todos".
Pola súa banda, Yeremay Hernández recalca que o equipo se vai "amolado". A pesar da derrota, valora o partido de maneira positiva: "fixemos mellor partido que o anterior". O canario confesa que lle acompañou a sorte co gol, pero que "non serviu para nada".
As sensacións son de estar preto do primeiro clasificado, pero de "quedarnos ás portas", engade o atacante branquiazul.
No referente á súa suplencia, considera que é decisión do adestrador e que ao entrar "tentei axudar aos meus compañeiros".
Finalmente, o xogador aproveita para chamar á tranquilidade e asegura que "entre todos temos que sacar isto adiante". "Temos que seguir pelexando, isto é moi longo", conclúe.