Borja Galán recibiu esta mañá a alta médica e apunta a Soria
Borja Galán recibiu esta mañá a alta médica e está pois a disposición de Rubén de la Barrera para o encontro deste domingo 9 de maio no Nuevo Estadio Los Pajaritos de Soria fronte ao CD Numancia (12:00 horas, Footters), en partido correspondente á 6ª e última xornada no grupo 1D de Segunda División B.
No adestramento de hoxe en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada, o Deportivo incidiu nos remates a portería após centros laterais. Un partido a tres cuartas partes de campo puxo o punto e final ao traballo previsto no céspede.
Derik estivo de permiso; e Keko, Gandoy, Mujaid, Claudio Beauvue, Lucho e Miku realizaron un adestramento específico coordinado polo corpo técnico e os Servizos Médicos do Club.
Así mesmo, participaron hoxe na sesión os fabrilistas Adri Castro, Alberto e Iván Guerrero; ademais dos xuvenís Yeremay e Jairo.
"Coa vitoria do outro día (ante o UP Langreo) e a confirmación do acceso á nova categoría, esta semana foi moi boa en canto a todo. Todo o mundo puido liberarse e á súa vez a semana mantén os criterios de calquera outra; pero foi un alivio moi grande", comentou Rubén de la Barrera en rolda de prensa en ABANCA-RIAZOR.
Mañá sábado, o Deportivo realizará un novo adestramento na Cidade Deportiva a partir das 10:00. Ao concluír, os convocados por Rubén de la Barrera desprazaranse en autocar a Soria.