RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Granero ultima a súa recuperación nunha mañá de balón parado e finalizacións para o grupo

O Deportivo fixo fincapé esta mañá en Abegondo nas accións a balón parado, tarefa principal da sesión de traballo de #OSNOSOS.

Ademais, o corpo técnico branquiazul dispuxo un exercicio de finalizacións especialmente para os atacantes, co que os futbolistas completaron unha mañá de menor carga física, habitual dous días antes de cada partido.

A boa noticia da xornada protagonizouna Borja Granero, que xa fai tarefas co grupo e entra na recta final da súa recuperación.

Mañá venres, o Deportivo realizará unha última sesión de traballo a partir das 18:00 en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada, de cara ao partido ante o RC Celta de Vigo B este sábado 24 de setembro ás 18:00 no Estadio ABANCA-Balaídos (TVG-2 e InSports.tv), en partido correspondente á 5ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

En rolda de prensa, o adestrador branquiazul asegura que o vestiario prepara o partido "moi concienciado, coa normalidade e a esixencia dun partido máis".

Insiste en que "hai que asimilar, aínda que sexa moi doloroso, onde estamos e facer todo o posible por saír de aquí para que non se repita. Preparándoo como o próximo partido, coa importancia que ten para todo o mundo. Xa o vivimos o ano pasado para o bo e para o malo".