RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez baixa o ritmo e enfócase no balón parado e as finalizacións

O Deportivo baixou esta mañá a carga de traballo despois do primeiro ensaio formal da semana onte en ABANCA-RIAZOR de cara á visita á AD Mérida, en partido correspondente á 3ª xornada do grupo 1º de Primeira RFEF no Estadio Romano 'José Fouto', programado finalmente para o domingo 11 de setembro ás 12:00 horas (InSports.tv).

Borja Jiménez aclarou en rolda de prensa que "coa incerteza de cando se ía a xogar adaptamos un pouco a semana; pero ben. Mañá penúltimo adestramento e logo xa de camiño (o sábado en Zamora). Semana con normalidade".

Así pois, nunha chuviosa mañá en Abegondo, Borja Jiménez orientou a sesión de hoxe cara ao balón parado e cara a afinar a puntaría cun exercicio de finalizacións, todo iso no campo 2.

Un suave quecemento e uns rondos abriron unha xornada na que só Víctor Narro estivo con adestramento personalizado cos fisioterapeutas e o readaptador, Álex Canosa. "Fíxose dano o martes. Hoxe saíu ao campo, fixo cousas. Esperemos que mañá poida adestrar con todos e viaxar", comentou respecto diso. "Quedan case 72 horas para o partido. Se todo vai como é normal, a súa evolución pode ser moi boa", engadiu o adestrador branquiazul.

Mañá venres, o Dépor adestrarase de novo en ABANCA-RIAZOR, por segunda ocasión esta semana, aínda que será esta vez a partir das 19:00 horas.