RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez cre que o equipo non mereceu perder e opina que "é momento de estar xuntiños"

Borja Jiménez manifestou na sala de prensa do Estadio de Las Gaunas que "non merecemos perder, pero aseméllase moito aos da primeira volta. Subirse ao carro destes xogadores con 13 vitorias era moi fácil, pero transmitinllo a eles ao acabar o partido, é momento de estar xuntiños, de darnos máis agarimo do habitual. O xogador é o primeiro que está moi amolado porque xera ocasións..."

Confesa que "estaría máis fodido do que estou se non tirásemos a porta e se as sensacións fosen moi malas, pero isto é fútbol, hai que metelas, hai que estar concentrado nas accións de balón parado. Hai que mellorar".

O adestrador branquiazul explica que na acción do gol "levamos cinco marcas habitualmente ao home e dous xogadores en zona, que son normalmente os centrais. Eles entraron con seis. Non corriximos desde fóra, que tiñamos dous xogadores fóra, e rematou só. Podiamos solucionalo desde a zona ou desde as solucións que lles damos a este tipo de situacións. Rematamos córneres, rematamos de todo e está de que non, pega nun, no outro. É así".

Lembra na primeira parte "o pau de Trilli, o de Mario, a situación de Quiles noutro roubo alto, Juergen, Willi... Tivémolas moi claras para facer gol. Na segunda parte volvemos ser dominadores de inicio. É verdade que non tiveramos ningunha situación moi clara, como as da primeira. Pero a raíz do gol, tentas facer as cousas máis rápido e aí é onde veñen as equivocacións: precipítasche, queres chegar máis directo e non sabes... E nese estado onde non ganas, parece que todo o fas peor. Hai que seguir, porque isto é longuísimo, quedan moitísimas xornadas, moitísimos puntos en xogo e como vos dixen sempre, até maio non se vai a decidir o campión".

Indica que Miku arrancou o partido no banco porque "valoramos que eran 90 minutos, Quiles viña de non participar a semana pasada. Queriamos levar o partido a algo máis de xogo interior, dun chegador. Quiles é un chegador. Miku está máis en área e os seus centrais teñen máis problemas cando chegan xogadores de segunda liña".

Preguntado pola actuación arbitral, insiste en que "eles fan o seu traballo o mellor que poden. Nós tentamos facelo o mellor que podemos tamén; e hai días que están máis acertados, como nós, e outros días que están menos acertados".

Está convencido Borja Jiménez que ao grupo estas dúas derrotas consecutivas "non lles vai a afectar de ningunha maneira porque eles se divirten adestrando, divírtense coa forma de xogar, cren moito no que estamos a facer, ningún ten unha dúbida, imos todos ao mesmo... Como lles dixen a eles as que rematabas ben agora pégaslle coa asa e se che queda. O fútbol moitas veces é así. Hai que ter paciencia e darlles agarimo, que agora é o que necesitan. Adestrar pouco, recuperar e que limpen a cabeza".

Finalmente, cualifica de "coñazo" o partido deste mércores 16 de febreiro en ABANCA-RIAZOR (20:30, Footters), "que lévase falando un mes e xa cho vas a quitar de encima. Logo cada un que faga o seu camiño e listo. En maio xa veremos".

Proponse estes días "recuperar á xente, que estean ben, que non pasase nada co golpe de Miku, que estean todos sans para o mércores e alí con #ANOSAFORZA gañaremos".