RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez, na súa despedida: "Sempre tentei defender ao Club e á súa xente por encima de todo"

Borja Jiménez despediuse esta mañá coa lectura dun comunicado, tal e como el mesmo desexou. Elixiu para este emotivo acto a sala de prensa de ABANCA-RIAZOR, "onde tantas veces sorrín cunha vitoria e onde chorei por primeira vez publicamente. Por iso quíxena facer aquí, onde todo empezou".

Desvelou que co interese do Dépor para a súa fichaxe, aínda que "na miña mente estaba seguir en Segunda División, após esa chamada só tiven un único obxectivo, vir á Coruña para formar parte dun dos clubs máis importantes de España".

Cualificou como "apaixonantes" os 16 meses que pasou no banco de ABANCA-RIAZOR con "miles de horas de adestramentos, case 400 sesións de traballo e moitos quilómetros paseando por unha cidade onde me sentín moi querido".

Quixo dar as grazas a #ANOSAFORZA, "á xente que cada domingo enchía as bancadas de ABANCA-RIAZOR para empuxarnos á vitoria" e acordouse da final ante o Albacete Balompié, co recibimento no Estadio e "as bágoas coas que acabamos todos ese día. Espero de corazón que nalgún momento do meu camiño poida devolvervos tanto agarimo".

Mostrouse tamén agradecido aos xogadores; aos 'capis' (Álex Bergantiños e Ian Mackay); ao seu corpo técnico; aos traballadores do Club, "delegados, utileros, prensa, Servizos Médicos e lavandaría"; á Dirección Deportiva, "por apostar por nós nun momento tan importante para o Club"; ao Consello de Administración e ao Presidente, porque "sempre mostrastes empatía e cordialidade. Non teño ningunha dúbida de que facedes todo o que está nas vosas mans para que o Deportivo volva ao sitio onde merece estar"; aos compañeiros da prensa; a Álex Martínez, "a outra metade desta carta"; e aos meus, que "o día do play off choraron sendo coruñeses".

Conclúe o técnico abulense que "me deixei a alma en cada minuto que estiven aquí. Sempre tentei defender ao Club e á súa xente por encima de todo".

"Alá onde estea, sempre vos lembrarei", engadiu para finalizar o comunicado.