Borja Jiménez manifestou esta noite na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que se marcha "cunha sensación boa. Fixemos unha primeira parte na que podiamos conseguir un 4-1 polo menos, con situacións moi claras, un pau. Estivemos moi fiables en ataque".
Tralo descanso, apunta o adestrador branquiazul que "entramos ben, volvémonos a adiantar, tivemos moitas situacións con Víctor, unha de Quiles... Un partido solvente por parte do equipo, quinta xornada, once puntos e a seguir para adiante, ir collendo cada vez mellores sensacións".
Asegura que o partido "estivo controlado en todo momento en liñas xerais. Así que estou moi contento", conclúe Borja Jiménez.
Indica que #ANOSAFORZA "ten dereito a opinar, a dicir cal é a súa sensación. Estamos encantados do apoio que nos mostran sempre".
Con 5 partidos xogados e 11 puntos na táboa, Borja Jiménez cre que "serían números máis que suficientes para conseguir o obxectivo se de cada 15 facemos 11. Non nos temos que conformar. Gustarianos gañar todos o partidos pero en canto a puntuación non é nada mala a bagaxe".
Das sensacións, reitera que hoxe as súas son "boas. Fomos moi superiores a primeira parte cun centrocampista máis. En canto a volume de ocasións, o equipo fixo quizais o día que máis ocasións en ABANCA-RIAZOR e fóra. Vaise vendo unha melloría en canto ao xogo. Agora temos que ir axustando outros aspectos. Non creo que o CF Talavera de la Reina fixese moitas ocasións próximas ao gol. Fixo dous goles, que iso nos doe, pero o equipo deu hoxe unha versión bastante mellor do que estaba a dar. Estamos contentos, a traballar. Os xogadores están moi implicados. Estiveron doídos cando non gañamos e agora hai que darlles agarimo".
Aclara que os cambios de Pablo Martínez e Trilli debéronse a problemas físicos: "Pablo era máis fatiga, como lle pasou a Olabe. Non podía máis. Pedíranos o cambio. E Trilli hai unha pequena doenza no psoas. Esperemos que non sexa nada importante. Pedíronnos o cambio. O de Pablo estaba máis ou menos pactado o minutaxe que podería xogar polas súas sensacións. Na segunda parte xa estaba moito máis canso, pero temos a necesidade de que todos os xogadores vaian collendo esa rodaxe. Se non os poñemos a xogar, nunca van poder coller minutos e sentirse ben. Esperemos que non sexa nada grave e que o domingo poidan estar".
Pola súa banda, Rubén Gala, adestrador do CF Talavera de la Reina, vaise de ABANCA-RIAZOR "coa cabeza alta. O meu equipo ten unha identidade propia. Fomos moi valentes. Non entramos ben ao partido e eles moi fortes. Encaixamos un gol nos primeiros 6 minutos e o equipo refíxose. Cando mellor estabamos encaixamos o segundo, un gol evitable. Con 2-0 en ABANCA-RIAZOR, ante un cadro do Deportivo con moitos xogadores que estiveron en Primeira División e cunha afección que abarrota o campo, teño que estar contento porque o meu equipo se refixo. Habemos ir a tentar igualar o partido. Dominamos os últimos 20 minutos da primeira parte con claridade. No segundo entramos moi ben até o terceiro gol. A partir dese momento o equipo tira cara arriba e fomos moi superiores os últimos 25 minutos. Merecemos até empatar".