Borja Jiménez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "estamos moi doídos pola derrota, por non conseguir levantar o partido. Agora empezamos co lastre de pornos por baixo sempre. Custounos. Fomos incapaces de xestionar todo o tempo que quedaba. Quixemos empatar moi rápido e estivemos imprecisos. Os 20 ou 30 últimos minutos non entendemos ben que tiñamos que ter máis paciencia porque houbo moito envío e aí é onde eles tiñan máis xogadores".
O técnico deportivista cre que "volver pornos por baixo en ABANCA-RIAZOR non é 0-1, é 0-3 case. Tes a sensación de que tes que remontar enseguida e quedaban moitos minutos para facelo como o día da Balompédica Linense. Ao futbolista entroulle esa présa e estivemos máis imprecisos. No descanso insistímoslles moito, demos unha volta ao que estabamos a facer. Cos cambios tentamos ter máis situacións duns contra uns por fóra con Yeremay. En canto a xerar ocasións de gol tivemos algunha pero non serve de nada. Había que gañar e non o fixemos".
Resalta que o gol do partido chegou "cando tiña o seu porteiro o balón nas mans. Estamos nese momento en que calquera cousa que nos pasa é gol. É unha ostia tremenda. Engadido ao nerviosismo de encaixar o gol, está a facernos dano todo iso. Hai que seguir traballando, tentando que os rapaces melloren en todos os aspectos, que gañen confianza, que estean menos imprecisos e que vaiamos para adiante. Non fixemos gol, xogamos media hora con 10 e tampouco fomos capaces de facer gol. Hai poucas cousas positivas da lectura do partido".
Sostén que o peor momento que pasou no banco de ABANCA-RIAZOR foi após o partido ante o Albacete Balompé do pasado play off de ascenso: "Agora estamos na xornada 6ª, é o primeiro partido que perdemos. Saben perfectamente o perfil de adestrador que son, decidiron dar continuidade a todo o que estabamos a facer. Hai moita continuidade de xogadores... Hai que ter tranquilidade porque é positivo para os futbolistas, para a contorna, para todo. Hoxe é un día fodido porque perdemos en ABANCA-RIAZOR. Isto é así. Mirar para adiante, mañá é luns, a adestrar e preparar a semana de Majadahonda".
Finalmente, Borja Jiménez asegura que "hai que mellorar en todos os aspectos. A versión que esperamos de nós mesmos é bastante mellor á que estamos a dar. É unha mellora xeral de todo o que facemos".
Pola súa banda, Salva Ballesta, adestrador do San Fernando CD Isleño, indicou que "este cadro fixo historia gañando este partido polo escenario que era, o rival que era. Iso hai que recalcalo".