RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez resalta a actitude do equipo e advirte que "o que necesitamos desde dentro é tranquilidade e agarimo"

Borja Jiménez manifestou na sala de prensa que "entramos ben. Fixemos un gol medianamente rápido. Fixemos o 2-0 en 20 ou 25 minutos. Deunos para apertar arriba e para ter todo controlado".

Destaca que na primeira parte "a nivel defensivo posicional estivemos moi ben. As súas situacións terminaban con bastante xogo longo. Tivemos capacidade de roubar á parte do penalti nalgunha situación máis. Tivemos minutos, do 35 ao 45, para facer o terceiro nalgunha transición moi clara".

Tralo descanso "entramos algo peor. Encaixamos rápido e ao non poder facer o terceiro até o minuto 75 ou 80, estaba claro que iamos terminar sufrindo porque costa. Custa gañar e cando o resultado se aperta e hai un bo rival, pois máis", indica.

O técnico deportivista asegura que afronta o que queda de liga "tentando gañar cada partido. Nós temos que gañar e esperar a ver se perde (o Real Racing Club). E se non, ir facendo camiño. Está nas nosas mans e iremos día a día".

Recoñece que "as circunstancias fixeran que nos viñese un rival directo e era importante poñer un pouco de terra polo medio. Era un partido importante. Viñamos de perder contra o RC Celta B e queriamos gañar. Desde aquí agradecer a #ANOSAFORZA como nos animaron, ao fondo que non para en todo o partido. Cando encaixamos foron os primeiros en volver animar e activar ao equipo".

Borja Jiménez márchase "satisfeito coas ganas que teñen os rapaces por facelo ben estean máis ou menos acertados. A predisposición que tiveron toda a semana ao traballo despois dunha derrota dolorosa para #ANOSAFORZA, para nós. Hoxe como entraron ao partido, independentemente que estivesen máis ou menos acertados, que o van a ir recuperando coa confianza que che dan as vitorias. Márchome moi contento coa actitude durante esta semana, noutras anteriores. A predisposición que teñen é moi grande e estamos nese momento no que o que necesitamos desde dentro é tranquilidade e agarimo".

Por contra déixalle "insatisfeito encaixar un gol nunha acción que defenderamos ben previamente e non ter esa capacidade de defender outro centro lateral coa xente máis situada".

Finalmente Abel Gómez, técnico do CF Rayo Majadahonda, apuntou que o seu equipo "fixo méritos para levar algo máis. Os primeiros 15 minutos custounos pero a partir de aí o equipo fixo as cousas bastante ben. Atopámonos cun gol en contra nun balón parado e cun penalti inexistente que nos pon con moita desvantaxe no marcador. O equipo seguiu tentándoo, tivo personalidade. Merecemos algo máis".