RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda, Claudio Beauvue e Miku entran na convocatoria para recibir mañá á SD Compostela en ABANCA-RIAZOR

Eneko Bóveda, Claudio Beauvue e Miku, que hoxe recibiron o visto e prace dos Servizos Médicos; e os xuvenís Dani Barcia e Padín son as principais novidades na lista de convocados do Dépor para recibir á SD Compostela mañá domingo 24 de xaneiro (17:00 horas, TVG) en ABANCA-RIAZOR. O encontro corresponde á 11ª xornada no subgrupo A do grupo 1º de Segunda División B.

Quedan fóra os tocados Keko, Héctor e Uche, que esta mañá tiveron adestramento específico. O internacional nixeriano está pendente de avaliación médica por unhas molestias nun aductor.

Finalmente, Nacho González está sancionado por acumulación de amoestacións.

Onte, en rolda de prensa, Rubén de la Barrera comentou que "esta semana foi boa. A xente está a incorporarse aos poucos. Loxicamente hai xente que leva tempo sen xogar e necesita minutos de calidade adestrando e competindo. Estamos esperanzados en, a curto prazo, dispoñer da totalidade do cadro porque todo o mundo ten que ser importante e todo o mundo vai ter moito que dicir. Iso á súa vez vai posibilitar que o equipo faga máis e mellores cousas".

Iso si, insiste en que "nos cinguimos ao que imos tendo e ímonos atopando día a día. No momento en que non dispoñamos dun dentro do cadro buscaremos a mellor solución para que se resinta o xogo do equipo na menor maneira posible".

Na sesión desta mañá, após un quecemento, Rubén de la Barrera preparou unha serie de exercicios tácticos entre os campos 2 e 3 de cara ao choque ante a SD Compostela.

Finalizado o encontro, o cadro está citado de novo para adestrar o luns 25 de xaneiro ás 11:00 en Abegondo.