RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda, Héctor, Claudio Beauvue e Miku incorpóranse ao grupo para un adestramento táctico no campo principal

Rubén de la Barrera trasladou esta tarde o segundo adestramento de hoxe xoves dos campos 2 e 3, os que habitualmente utiliza o primeiro equipo, ao campo principal de Abegondo, en mellor estado que o resto.

O técnico deportivista contou na sesión coa incorporación ás tarefas grupales de Bóveda, Héctor, Claudio Beauvue e Miku. Os catro atópanse na recta final da súa recuperación.

O traballo do Dépor esta tarde foi fundamentalmente táctico. Primeiro con exercicios de movementos ofensivos con finalizacións.

A continuación, Rubén de la Barrera traballou cos seus futbolistas a saída de balón xogado desde o porteiro.

Unha tarefa de remates a portería para os dianteiros puxo o punto e final a un día no que o primeiro equipo acumulou en total case catro horas de adestramento sobre o céspede.

Repetiron pola tarde os canteiráns Adri Castro, Juan Rodríguez, Pablo Brea, Boedo, Iván Guerrero e Javi Sanmartín.

Mañá venres haberá un único adestramento, ás 11:00 na Cidade Deportiva.

Traballo táctico na primeira das dúas sesións do Dépor previstas para hoxe xoves

Rubén de la Barrera incidiu nunha tarefa táctica no campo 3 na primeira das dúas sesións previstas para hoxe xoves.

O técnico deportivista repartiu aos seus futbolistas en dous equipos e, nun partido a tres cuartas partes de campo, impartiu constantes instrucións e fixo especial fincapé en aspectos como por exemplo a saída do balón xogado desde atrás.

A iso referiuse precisamente Carlos Abad, o meta branquiazul, en rolda de prensa: "Agora o porteiro ten un papel máis importante xa que imos tentar iniciar moito máis desde atrás. O porteiro é un xogador máis para crear unha vantaxe e superioridade".

Unha serie de partidos en espazo reducido, de alta intensidade, puxeron o punto e final ao adestramento sobre o céspede.

Keko, Bóveda, Claudio Beauvue, Héctor e Miku realizaron traballo específico. Finalmente, os canteiráns Adri Castro, Juan Rodríguez, Pablo Brea, Boedo, Iván Guerrero, Javi Sanmartín e Guille Bueno estiveron esta mañá ás ordes de Rubén de la Barrera.

Pola tarde, a sesión que arranca ás 17:30 celebrarase finalmente en Abegondo, co fin de preservar o céspede de ABANCA-RIAZOR ante a mala climatoloxía prevista estes días na Coruña.