RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carlos Abad pide paciencia: "Non será unha cuestión dunha semana pasar de cero a cen"

Carlos Abad pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O meta deportivista asegura que Rubén de la Barrera "pídenos moita mobilidade para ocupar espazos, ter o balón, ser protagonistas e sobre todo para atacar moito".

Sobre a recente substitución no banco, opina que "o máis fácil é botar a unha persoa, que adoita ser o adestrador. Aínda que non sempre é o máis xusto. O cambio non era esperado polo menos pola miña banda. Ao final o Club tomou unha decisión e espero que sexa a mellor para todos".

O domingo ante a SD Compostela en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, TVG), "espero poder plasmar no campo o que o míster nos pide. Aos poucos. Ao final (Rubén de la Barrera) non leva nin unha semana aquí. O domingo non fará nin dúas semanas. Aos poucos imos adquirindo conceptos e o que o míster nos vai ensinando. Non será unha cuestión dunha semana pasar de cero a cen. Hai que ir aos poucos".

Non quere falar de final en referencia ao encontro ante o Compos. É máis, confesa que non mira a clasificación: "Preocúpome simplemente do que me toca agora e o que está na miña man. As notas danse no último partido de liga, cando todo acabe. Mentres nolo estamos xogando".

Iso si, admite que o vestiario do Dépor é consciente "da dificultade de como está feita a liga esta temporada. Non nos imos a relaxar e a pensar que se non gañamos este gañamos o seguinte. Aínda que cambiásemos de adestrador, de estilo, o que pensamos é en gañar. Máis aló de como xogamos, o que queremos é o resultado".

Tampouco pensou nun parón da competición en Segunda División B debido á pandemia: "Estou centrado no día a día. Se ten que haber outro parón, así sexa. Non será o máis conveniente para nós, non é o que queremos pero se por tema de sanidade pública ten que pasar, pois que pase".