O Girona FC puxo fin á xeira vitoriosa do Deportivo, ao equilibrar no último cuarto de hora a vantaxe de 2 goles do equipo coruñés, nun encontro marcado polas cuestionadas e cuestionables decisións tomadas polo árbitro andaluz Figueroa Vázquez.
Figueroa Vázquez reviviu vellas pantasmas de arbitraxes nefastas para o Deportivo nun partido ante o Girona FC no que o colexiado se converteu no principal protagonista. A parroquia deportivista despediu ao colexiado no descanso, aínda gañando o equipo branquiazul, cunha sonora pitada, que se duplicou ao final do partido tralo empate visitante. Cabe sinalar como curiosidade que o árbitro andaluz só dirixiu 2 partidos ao equipo deportivista esta temporada, casualmente os 2 disputados fronte ao Girona FC.
O técnico deportivista, Fernando Vázquez, realizou unha soa modificación con respecto ao once inicial que presentou a pasada fin de semana en Alcorcón. Sabin Merino regresou ao equipo en detrimento de Mamadou Koné, autor do gol do triunfo en Santo Domingo.
O partido comezou cunha mala noticia para o Deportivo, a lesión de Michele Somma. O italiano, retirado en padiola entre bágoas, tivo que ser substituído aos 10 minutos de xogo por Álex Bergantiños. Peru Nolaskoain deixou o seu lugar na medular ao capitán branquiazul e atrasou a súa posición para ocupar o lugar de Somma no eixo da zaga.
Aos 17 minutos, unha gran acción de todo o ataque deportivista acabou cun centro sobre a mesma liña de fondo do lateral dereito, Eneko Bóveda, e unha cabezada cruzada do lateral esquerdo, Víctor Mollejo, lonxe do alcance de Riesgo. Os branquiazuis adiantábanse no marcador no seu primeiro remate de todo o partido.
No medio dos mellores momentos do Deportivo, Emre Çolak disparou por encima do traveseiro desde fóra da área, no minuto 23. Pouco despois, no minuto 27, un libre directo lanzado por Granell estivo a piques de custar un serio desgusto ao equipo coruñés. O balón rebotou na barreira e foise á beira oposta á que buscaran tanto o lanzador como Dani Giménez. A pelota saíu lamendo o poste dereito da portería branquiazul.
A partir de entón, o Girona practicamente monopolizou a posesión, pero non logrou xerar ningunha acción clara de perigo ante a portería herculina. O conxunto branquivermello só puido buscar a meta local en disparos de media e longa distancia, todos eles desviados.
Coa vitoria pola mínima do Deportivo chegouse ao descanso, á volta do cal Fernando Vázquez introduciu o segundo cambio nas filas branquiazuis. O goleador Mollejo, cun cartón ás costas, deixou o seu sitio a Salva Ruiz.
No minuto 51, o Girona gozou da súa primeira ocasión, nun dobre disparo de Maffeo de socato. O segundo lanzamento rexeitouno Dani Giménez, como boamente puido, a saque de esquina. Cinco minutos despois, probouno Brandon desde o bordo da área. O seu tiro raso desviouno levemente o gardameta deportivista, a un novo córner.
Con todo, á hora de xogo, o Deportivo aumentou a súa vantaxe no marcador grazas a un golazo de Álex Bergantiños, que recolleu un despexe en curto da defensa xerundense e enganchou unha volea co seu pé esquerdo que limpou de telarañas a portería visitante. Corría o minuto 60.
No minuto 66, o colexiado, a instancias do seu asistente, anulou por fóra de xogo un tanto de Bóveda a pase de Sabin Merino. A posición do lateral dereito era adiantada por moi pouco.
O Girona empezou a responder con lanzamentos lonxanos, sobre todo por medio de Granell. No primeiro, o coiro perdeuse moi preto do pau dereito. No segundo, desde uns 30 metros, sacou achas do traveseiro. Instantes despois, Emre Çolak tivo o 3-0 após unha sensacional xogada de ataque trenzado entre Sabin Merino, Aketxe e Gaku. Riesgo gañou ao turco no man a man.
O Deportivo perdoou a sentenza e o Girona sacou réditos diso, posto que se meteu no partido nunha acción a balón parado, un barullo na área, unha xogada confusa, cando o reloxo sinalaba o minuto 77. Aday Benítez rematou de socato na área pequena e caeu sobre Dani Giménez, nunha acción que ben puido ser castigada con falta. O rexeite recolleuno Stuani que bateu a portería deportivista cunha volea por alto.
Pouco despois, o colexiado castigou con falta un salto cos brazos arriba de Stuani, xa con cartolina amarela, ante Peru Nolaskoain, pero non lle ensinou a segunda. E o uruguaio acabou por empatar o partido no minuto 85, despois doutra decisión do árbitro moi discutida pola parroquia coruñesa.
Montero cometeu unha leve falta sobre Brandon, que o árbitro sinalou en principio fóra da área. Con todo, a instancias do VAR, segundos despois indicou o punto de penalti. O máximo goleador de LaLiga SmartBank bateu a Dani Giménez para lograr o 2-2 definitivo.
A celebración do uruguaio non gustou nin á afección nin aos xogadores deportivistas, o que provocou senllos boureos, tralo tanto e á conclusión do choque. Na primeira, Emre Çolak viu a cartolina amarela. Na segunda, Figueroa Vázquez mostrou o cartón vermello a Vicente Gómez.
Con este empate, o Deportivo deixa a súa serie de vitorias consecutivas en 7 e suma 34 puntos, 5 por riba da zona de descenso e a 6 da zona de playoff, aínda que cos outros 10 encontros da 28ª xornada aínda por disputarse.
RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Mujaid, Somma (Álex Bergantiños, min. 10), Montero, Mollejo (Salva Ruiz, min. 46), Gaku Shibasaki, Peru Nolaskoain, Aketxe (Vicente Gómez, min. 86), Sabin Merino e Emre Çolak.
Girona FC: Riesgo, Maffeo, Alcalá, Juanpe, Mojica, Aday Benítez, Borja García, Rivera (Samu Saiz, min. 56), Granell (Jozabed, min. 79), Brandon (Jairo, min. 88) e Stuani.
Goles: 1-0 Mollejo (min. 17); 2-0 Álex Bergantiños (min. 60); 2-1 Stuani (min. 77); 2-2 Stuani, de penalti (min. 85).
Árbitro: Figueroa Vázquez (c. andaluz). Cartón amarelo a Aketxe (min. 35), Mollejo (min. 37), Stuani (min. 69), Maffeo (min. 77), Montero (min. 77) e Emre Çolak (min. 86). Á conclusión do partido mostrou o cartón vermello a Vicente Gómez.
Incidencias: partido da 28ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 24.666 espectadores.