Dani Barcia cre que "a base ten que ser ANOSACANTEIRA" e proponse "levar ao Dépor a Primera"
Dani Barcia asegurou na sala de prensa de Abegondo que a presenza de canteiráns no primeiro equipo (Yeremay, Mella, Óscar Gilsanz, David Lagar...) "é unha alegría para Abegondo. Ten que seguir así isto, ten que seguir subindo xente. A base do Deportivo ten que ser esa. Se segue sendo así vai ir ben o Club".
Respecto ao partido ante a SD Eibar, opina que "nos vén ben gañar eses partidos así, sobre todo nos últimos minutos, que sempre dá un plus máis. Levamos 2 partidos gañados e temos que seguir nesta xeira e en Almería o domingo (18:30, LaLiga TV Hypermotion) facelo o mellor posible para tentar levarnos os 3 puntos".
Do choque ante os vascos, o central coruñés pensa que "na primeira parte estivemos ben plantados. Tivemos bastantes ocasións. Eles non crearon case perigo. Na segunda parte axustaron no mediocampo e custounos un pouco máis. Soubemos sufrir, Helton tivo un bo partido coas súas paradas e o fútbol en Segunda é así. Os partidos son complicados como o do outro día: a primeira parte nosa e a segunda deles".
É consciente da UD Almería "a calidade individual e como grupo que ten. O ano pasado fixo bos partidos e veñen co mesmo equipo. Temos que saír como estamos a facer estes últimos partidos, a ser nós e tentar facer o máximo posible para levarnos o partido".
Preguntado por Óscar Gilsanz, Dani Barcia afirma que "fixo moito por min. Axudoume bastante a mellorar. Estou agradecido a el Agora teño que darlle confianza. Se me pon de titular seguir facendo o que estou a facer e se non, tentar axudar ao equipo. Véxoo bastante ben, integrado e co paso do tempo vai ir a mellor".
Estaba convencido que "se lle desen a oportunidade íao a facer ben porque o viña facendo ben estes últimos 3 anos. É un gran adestrador e aínda que teña esa condición de canteira igual que soben os xogadores tamén poden subir os adestradores".
Dani Barcia subliña que a idea de Óscar Gilsanz "segue sendo a mesma que os xuvenís. Con iso vai ir a matar. Se o seguimos facendo como o estamos facendo, vai ir ben".
Finalmenta sobre a súa renovación, o defensor deportivista lembra que "me queda ano e medio de contrato. Estou tranquilo. O que teño que facer é seguir xogando, preocuparme de seguir tendo minutos e axudar ao equipo. O que chegue, chegará".
Iso si, insiste en que "son da Coruña. O meu obxectivo e o meu plan é sempre seguir aquí e tentar levar ao Dépor a Primera".