O Dépor arrinca o traballo semanal de cara ao UD Almería Stadium "coa mesma idea de ter o balón"
O Dépor regresou esta mañá aos adestramentos despois da xornada de descanso de onte mércores.
Após unha activación con rondos no campo 2 e partidos en espazo reducido, o cadro trasladouse ao campo 3 para iniciar un traballo táctico en espazos intermedios.
En rolda de prensa, Dani Barcia, un dos futbolistas que mellor coñece a Óscar Gilsanz pola súa etapa no Xuvenil A e no Fabril, explicou que "nos adestramentos unha das tarefas que facemos moito é ataque-defensa e unha particular do xogo que dispute o dianteiro co pivote coa defensa por detrás. Esa é made in Óscar Gilsanz".
O futbolista coruñés recoñece que o míster "ten cousas que non lle gustan, e que sufrín en xuvenís de feito. Concentración sobre todo. A ver se sigo tentando que non me pase iso".
Apunta que "o equipo ten máis ou menos a mesma idea que Imanol de ter o balón. Con Óscar temos a defensa e o equipo máis ordenado. Ambas as ideas se solapan ben e imos seguir así no bo camiño".
Estiveron hoxe con adestramento personalizado Lucas, Mella, Jaime, Ximo Navarro, Jose Ángel e Mfulu, que xa fai tarefas co grupo.
Pola súa banda, Alberto, Kevin Sánchez, Pablo García, Guerrero e Samuel foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Mañá venres, o Dépor adestrarase de novo en Abegondo a partir das 11:00.