Juan Gauto foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.
O atacante arxentino, de cara a este domingo 24 de novembro en ABANCA-RIAZOR ante o Sporting de Gijón (LaLiga TV Hypermotion, Gol Play e #Vamos), pide a #ANOSAFORZA que "estea connosco, nos axude, nos apoie, que vaia a ABANCA-RIAZOR a alentar, que imos tratar de facer o mellor para sacar este partido adiante e poder sumar da 3 para seguir escalando".
Insiste en que "é un partido moi importante. Necesitamos á xente que vaia, que nos apoie, que é moi importante para nós tamén. Estámolo traballando porque é un partido moi difícil, moi complicado. Eles están moi ben tamén pero imos tratar de seguir escalando na táboa, que é o que máis queremos".
Do Sporting, opina que "son xogadores moi bos. Tiven un ex compañeiro, Dubasin, que xogou no Basilea comigo. É moi bo xogador tamén. Son futbolistas moi complicados pero temos as nosas armas. Non pensamos moito no rival, senón que tamén no que temos, en traballar, no equipo e poder sacar forza de onde nos toque".
A nivel persoal, asegurou "estar feliz de volver xogar, de volver sumar" e apunta que no UD Almería Stadium "atopeime moi ben. Obviamente talvez podería terminar algunha xogada moito mellor; pero para iso traballo o día a día cada semana, para tentar facelo cada vez mellor".
Subliña que "sempre dentro do lugar onde me toque vou sumar. Tóqueme xogar ou non. Sempre vou tratar de acompañar aos meus compañeiros porque iso é bo para o equipo. Hai que tratar de ser un grupo, un equipo. E empézase con iso, alentando desde fóra e o día que nos toque, facelo ben".
Advirte que respecto da súa etapa en Suíza "acá estou moito máis contento porque a xente é máis aberta" e confesa que "a xente do Club trata de axudarme para estar ben, para non deixarme caer e é un momento onde un ten que ser forte e sacar o corazón que ten de chiquito, do lugar de onde saíu, das cousas malas que pasou desde moi mozo. Afrontar estes momentos. Todo pasa e tarde ou cedo o bo vai chegar".