O Dépor intensificou esta mañá o traballo táctico, hoxe tamén cun exercicio de finalizacións, a 2 días de recibir ao Sporting de Gijón, este domingo 24 de novembro ás 16:15 en ABANCA-RIAZOR ((LaLiga TV Hypermotion, Gol Play e #Vamos).
Para iso, Óscar Gilsanz trasladouse cos seus futbolistas ao campo 3 da Cidade Deportiva, iso si, "pendente da evolución dos xogadores que están máis xustos", segundo confirmou o técnico deportivista na sala de prensa esta mesma mañá.
Admite a posibilidade de recuperar a futbolistas "aínda que sexa para adestrar. A xente vai adestrando con normalidade".
Traballaron á marxe do grupo Yeremay, Dani Barcia e Jaime. Óscar Gilsanz explica, no caso do atacante canario, que "ten unhas molestias aínda que están a evolucionar moi ben. Veremos se é posible que chegue ao domingo. Aí si temos algunha dúbida. Veremos como evoluciona hoxe e sobre todo o adestramento de mañá". En calquera caso, descartou unha lesión grave.
No caso do central coruñés aclara que "sofre unhas molestias no cuádriceps que non lle impediron xogar a semana pasada. Onte fixo un adestramento en ximnasio, máis de fisioterapia para tentar recuperar ese cuádriceps. En principio as molestias remitiron moito pero si o ten máis complicado".
De Lucas e Mella o preparador branquiazul sostén que "está a entrar nos adestramentos aos poucos. Temos que valoralo. Estiveron a adestrar durante a semana parcialmente e mañá vai ser fundamental para ver se están para xogar ou para máis ou menos minutos".
Óscar Gilsanz presume de "uns servizos de readaptación que traballan moi ben cos xogadores de maneira que cando un se reincorpora aos adestramentos faino cun nivel de preparación moi alto, preto do seu mellor nivel".
Así, José Ángel realiza unha parte co grupo e a outra con Nando Rodríguez e Álex Canosa, readaptadores do cadro.
Alfaro, Samu e Aarón foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Mañá sábado, o Dépor adestrarase na Cidade Deportiva a partir das 11:00 horas.