RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

A pegada da UD Almería dobrega a un Dépor que "deu a cara"

O Dépor caeu (2-1) esta tarde coa UD Almería no UD Almería Stadium en partido correspondente á 15ª xornada en LaLiga Hypermotion. "O equipo deu a cara", resumiu Óscar Gilsanz na sala de prensa.

Os Nosos chegaban á cidade andaluza despois de dúas vitorias consecutivas, con 16 puntos e na 15ª posición na táboa.

Despois dunha semana na que o equipo celebrou a renovación de David Mella até xuño de 2029, as ausencias marcaron a convocatoria previa e a aliñación.

Foron baixa por lesión Jaime, José Ángel, Ximo Navarro e Mfulu; ademais de Obrador, sancionado por acumulación de amoestacións; e Yeremay, que onte regresou á Coruña liberado pola Federación Española do compromiso coa selección sub-21 a consecuencia duns problemas físicos.

Tamén quedaron na Coruña Lucas, cunha molestia nos isquiotibiais; e Mella, cunha molestia nun xemelgo.

Así pois, Óscar Gilsanz expuxo un once con varios cambios respecto ao do pasado luns en ABANCA-RIAZOR ante a SD Eibar.

A parella no centro do campo de Villares foi Mario Soriano, cunha liña de 3 por diante formada por Gauto, Cristian Herrera e Hugo Rama. Arriba continuou Barbero.

Os primeiros minutos foron de tenteo con achegamentos para os dous equipos. Un córner para os deportivistas e un centro de Álex Pozo por banda dereita que creou o desconcerto na área do Dépor ata que Pablo Vázquez despexou a pelota.

Ao cuarto de hora, Arribas xutou lixeiramente desviado. O ex madrididista estaba ben taponado pola defensa do Dépor.

Respondeu Cristian Herrera após unha boa acción de Escudero. Atallou ben situado a meta Fernando.

A UD Almería presionaba moi arriba a saída de balón, circunstancia que xa advertira Óscar Gilsanz na rolda de prensa previa.

No entanto, o Dépor mantivo posesións longas e acabou xogada, como un chute de Villares na frontal aos 22 minutos que se foi desviado.

Probou fortuna Hugo Rama aos 29 minutos pero de novo parou Fernando.

O UD Almería atopouse co gol aos 32 minutos. Edgar aproveita un saque de esquina para bater a Helton Leite. Non o merecía a UD Almería, que perdera de vista a portería deportivista.

Reaccionou ben o Dépor, que puxo cerco á meta de Fernando e empatou con outro saque de esquina que rematou Pablo Vázquez no segundo pau.

Os de Óscar Gilsanz fixéronse co mando do partido. Barbero rematou ao lateral da rede no 37.

Sen merecelo, Leo Baptistao puxo por diante de novo aos branquivermellos ao cabecear no segundo pau libre de marca un centro desde a banda esquerda. Foi no desconto da primeira parte.

Os almerienses teñen nas súas filas xogadores de Primera División e en calquera acción crean perigo.

Así se chegou ao descanso.

"Na primeira parte xogamos un bo partido. Estivemos a defender ben por fóra as entradas da UD Almería. Tiñamos claro que co balón seriamos capaces de aposentarnos en campo contrario e a partir de aí xerar situacións de perigo", indicou o adestrador deportivista.

Após o paso polos vestiarios, sairon os locais envorcados en ataque.

Aos poucos minutos, Baptistao disparou raso e moi duro. O balón foise rozando o pau dereito da meta de Helton.

Seguiu o brasileiro probando fortuna cun chute que se foi fóra por pouco após cruzar toda a área pequena. O atacante da UD Almería estaba demasiado escorado.

O Dépor se replegó en defensa e perdeu o control do balón. Sufrían neses minutos os branquiazuis, hoxe co segundo equipamento.

Óscar Gilsanz decidiu imprimir máis velocidade coa entrada de Davo e Kevin, que debutaba así en liga, por Gauto e Hugo Rama.

Un fallo na saída de balón a punto estivo de custar o terceiro. Salvou primeiro Helton Leite o chute de Arribas e logo Gui atopouse co traveseiro. "Lastrounos porque o rival estaba no seu mellor momento en ataque", comentou o preparador branquiazul.

Luis Suárez tentouno desde o frontal pero o balón foise rozando o recanto esquerdo de Helton. 

O Dépor sacudiuse uns minutos o dominio cunha longa xogada que culminou Cristian Herrera cun chute ás mans de Fernando.

A continuación Helton Leite desvía a córner un bo chute de Arribas.

Cristian Herrera protagonizou en banda dereita un achegamento perigoso pero o seu centro tapónao a defensa branquivermella.

Na recta final, Dani Barcia cabeceou unha falta lateral. O balón, frouxo, foise fóra.

Os últimos minutos o Dépor, metido no partido polo axustado do marcador, tentou algún xogada pero non foi posible exceder a defensa andaluza.

"Na segunda parte custounos máis. A UD Almería, por diante no marcador, é equipo moi complicado, cuxos 4 xogadores de arriba en duelos son moi perigosos. Sufrimos máis pero aínda así o equipo mantívose no partido", indicou Óscar Gilsanz.

UD Almería: Fernando, Edgar, Luis Suárez, Nico (Arnau, min. 69), Arribas (Radovanovic, min. 87), Baptistao (Rachad, min. 79), Baba (Kaiky, min. 87), Álex Pozo, Centelles, Chumi e Gui

Deportivo: Helton Leite, Petxarroman, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Escudero (Pablo Martínez, min. 79), Villares, Mario Soriano, Hugo Rama (Kevin, min. 63), Gauto (Davo, min. 63), Cristian Herrera (Patiño, min. 79) e Barbero (Bouldini, min. 79)

Árbitro: Sergiu Claudio Muresan Muresan, do comité valenciano. Amoestou a Dani Barcia (min. 71)

Goles: 1-0 Edgar (min. 32); 1-1 Pablo Vázquez (min. 34); 2-1 Leo Baptistao (min. 45+1)

Incidencias: partido correspondente á 15ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado no UD Almería Stadium ante 12.814 espectadores. Ambos os equipos saltaron ao céspede cunha camiseta de apoio aos damnificados pola DANA na Comunidade Valenciana.