RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Un Dépor "que non estivo cómodo desde o principio" conclúe o 2024 con derrota en ABANCA-RIAZOR ante o CD Mirandés

O Dépor concluíu o ano 2024 e a primeira volta de LaLiga Hypermotion cunha derrota (0-4) en ABANCA-RIAZOR ante o CD Mirandés. "O equipo non estivo cómodo desde o principio", apuntou en rolda de prensa Óscar Gilsanz.

Após o espectacular partido en ABANCA-RIAZOR do pasado xoves 19 ante o CD Castellón (5-1), Os Nosos chegaban con 24 puntos na 15ª posición da táboa e cun partido menos, o aprazado en Tenerife polo temporal o pasado día 15 e aínda sen data de celebración.

E con eses 24 puntos comezará o ano 2025 o Dépor, situado na 17ª posición.

Regresou Lucas esta noite ao once inicial após cumprir o seu partido de sanción. Villares foi o que sentou inicialmente no banco. Ademais, Obrador relevou a Escudero no lateral zurdo.

Saíu o CD Mirandés, que se presentaba na Coruña no 3er posto da táboa, cunha presión alta.

O primeiro disparo a porta foi un lanzamento de falta de Lucas Pérez. O balón estrelouse no lateral da rede de Raúl Fernández. Corría o minuto 10.

Respondeu o CD Mirandés cun centro chute de Lachuer que sacou con apuros Helton Leite a saque de esquina.

Pasado o cuarto de hora, Yeremay non pode precisar un remate após recoller un balón solto na área visitante nun duelo entre Barbero e o seu par. O balón márchase demasiado alto.

"Hai un partido diferente, igualado aínda que non estabamos moi cómodos, até o primeiro gol do CD Mirandés", apuntou o preparador deportivista ante os medios de comunicación.

Esa acción chegou aos 34 minutos. O colexiado do encontro, as valenciano Fuentes Molina, sinala pena máxima por man de Mario Soriano dentro da área ao tentar taponar un remate dos burgaleses.

Izeta transforma aínda que a punto estivo de parar Helton Leite.

O partido púñase de cara para o CD Mirandés, que aumentaría a súa vantaxe no minuto 39 grazas a un remate de Joel Roca na área, co Dépor noqueado.

Lucas, no minuto 41, cabeceou lixeiramente desviado un centro de Obrador desde a banda esquerda.

Con clara desvantaxe no marcador grazas a dúas poutadas burgalesas acabaron os primeiros 45 minutos.

"O CD Mirandés é un equipo que se supera a primeira liña de presión, con espazos, é moi perigoso. A partir do gol na acción seguinte chega o 0-2 e ímonos ao descanso", resume o preparador dos Nosos.

Após o paso polos vestiarios, o Dépor comezou dominando territorialmente a un equipo que no entanto sente cómodo con este guión.

Non conseguían os branquiazuis crear perigo, con Yeremay e Mella ben tapados pola defensa roxinegra.

E o partido rompeu. "Nas dúas primeiras contras púxose o partido 0-4. Tocaba remar moito e o equipo non tivo profundidade nin reacción", resumiu Óscar Gilsanz.

Izeta subía o terceiro nunha rápida transición. O atacante do CD Mirandés resolveu ben ante Helton Leite.

Un centro chute de Mella no minuto 58 que se paseou por diante da meta do CD Mirandés sen atopar rematador foi a única xogada de perigo neste tramo do partido.

Yeremay proba fortuna no minuto 61 desde fóra da área pero o seu disparo acaba nas luvas de Raúl Fernández.

Volveu acertar Izeta no cuarto da noite, esta vez en acrobático remate adiantándose a Pablo Vázquez. Partido sentenciado con media hora aínda por diante.

Aínda encima o conxunto de Óscar Gilsanz encarou o último tramo do encontro con 10 futbolistas no campo por expulsión de Villares. O deportivista entrou a Gorrotxa en mediocampo e o colexiado, após ver a acción no VAR, ensinou a vermella ao xogador branquiazul.

Helton Leite evitou o 5º do CD Mirandés nun man a man con Rincón, que entrou libre de marca por banda dereita.

Así se pechou o 2024 para o Dépor, un ano feliz no entanto polo ansiado ascenso de categoría.

Deportivo: Helton Leite, Pablo Martínez, Lucas (Gauto, min. 83), Barbero (Bouldini, min. 56), Yeremay (Jaime, min. 83), Mfulu (Villares, min. 56), Pablo Vázquez, Mella, Mario Soriano (Jose Ángel, min. 69), Ximo Navarro e Obradoir

CD Mirandés: Raúl Fernández, H. Rincón, J. Alonso, Tachi, Gorrotxa, A. Reina (Ander Martín, min. 80), Izeta (Álex Calvo, min. 80), Lachuer (Homenchenko, min. 78), Juan Gutiérrez (Tomeo, min. 60), Joel Roca (Dadie, min. 78) e V. Parada

Árbitro: Fuentes Molina, do comité valenciano. Amoestou a Hugo Rincón (min. 45), Barbero (min. 52), Juan Gutiérrez (min. 53) e Álex Calvo (min. 90). Expulsou a Diego Villares (min. 77) por unha entrada a Gorrotxa.

Goles: 0-1 Izeta (min. 34); 0-2 Joel Roca (min. 39); 0-3 Izeta (min. 55); 0-4 Izeta (min. 62)

Incidencias: Partido correspondente á 21ª xornada en ABANCA-RIAZOR disputado ante 23.946 espectadores. María Sanjurjo, campioa do mundo de hockey sobre patíns, recibiu o agarimo de ABANCA-RIAZOR nos prolegómenos.