RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz quere "facer ABANCA-RIAZOR un campo difícil para os rivais"

Óscar Gilsanz afirmou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "o ambiente en ABANCA-RIAZOR para nós é sempre espectacular. Sabemos dabondo que temos á mellor afección da categoría. Os partidos en ABANCA-RIAZOR esperámolos con moitas ganas por ese plus de tratar de facer gozar a ANOSAFORZA, á xente que sempre está connosco e que enche ABANCA-RIAZOR cada 15 días e que se despraza".

Pide "facer ABANCA-RIAZOR un campo difícil para os rivais. Esa comuñón equipo-ANOSAFORZA que todos queremos fai que sexamos un equipo difícil para os rivais".

Cre que "os partidos Depor - Sporting ou Sporting - Dépor son unha boa noticia en canto a expectación, ao ambiente que se respira. A proximidade con Gijón fai que os desprazamentos sexan multitudinarios nos dous sentidos. Iso é bonito para o fútbol e o que nos gusta a todos".

Advirte que o equipo asturiano "está a dar un bo rendemento. É moi agresivo na presión, capaz dentro do mesmo partido de cambiar de estrutura. A presenza de Olaetxea xa no Albacete con Rubén Alvés fai que pasen a defensa de 5 segundo as necesidades do propio partido. É moi dinámico nese cambio de estrutura".

O técnico deportivista subliña que o Sporting "ten xogadores na liña de ataque moi profundos, que aproveitan os espazos nas costas da defensa rival. E teñen calidade por dentro, bos pasadores: Nacho Méndez, Gelabert... Son xogadores con moita calidade para o último pase co cal está a facer unha gran temporada".

A nivel persoal, pensa que "cada día que pasa adaptámonos máis ás circunstancias"; e de Rubén Alvés, adestrador do Sporting de Gijón, apunta que "nunca me enfrontei a el. Si que o coñezo. A súa traxectoria desde que empezou nas categorías inferiores da Valencia CF, Valladolid e Celta B é importante, partindo de moi abaixo. Ten un mérito enorme. É un gran adestrador. Todos os seus equipos son moi competitivos, que aproveitan moi ben as transicións, agresivos na presión... En Galicia hai moi bos adestradores e Rubén é un exemplo máis".