O RC Deportivo advirte aos afeccionados que só adquiran entradas para o Dépor - Sporting de Gijón en bancada.es
O RC Deportivo detectou nas últimas horas falsificacións e revenda de entradas para o partido deste domingo 24 de novembro ás 16:15 en ABANCA-RIAZOR ante o Sporting de Gijón; comportamentos que xa foron postos en coñecemento das autoridades competentes, reservándose o RC Deportivo todas as accións legais en defensa dos seus lexítimos dereitos ante estas situacións.
Así pois, o RC Deportivo advirte aos afeccionados que unicamente adquiran entradas en bancada.es.
As localidades que se atopan á venda proceden da liberación de asentos por parte dos abonados e abonadas deportivistas a través desta ligazón.
Como o Club reiterou, e en consonancia coa legalidade vixente, as entradas para o partido son nominativas, polo que para o acceso ao Estadio ABANCA-RIAZOR esixirase que a persoa portadora da entrada acredite a súa identidade, e que esta sexa coincidente coa que figura na entrada en cuestión. En caso de non coincidir estas, non se permitirá o acceso.
Xa que o encontro foi declarado de alto risco pola Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte non se venderán entradas o mesmo día do partido nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes de Riazor, que abrirán ás 14:15 só para atender incidencias de abonados e abonadas.
Finalmente, as portas de ABANCA-RIAZOR abrirán ás 14:45.