David Mella compareceu na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR confirmada a súa renovación no Dépor até 2029.
A mañá arrincou no céspede do estadio cun pousado para os medios gráficos cos vídeomarcadores e a 'U' televisiva mostrando a creatividade sobre a súa renovación (na imaxe inferior).
Xa na sala de prensa, o acto cos medios de comunicación arrincou cun emotivo vídeo do futbolista e a súa familia que se pode ver abaixo da noticia.
A continuación, Fernando Soriano, Director de Fútbol, sentado á beira do futbolista, cualificou a xornada como "especial para o deportivismo, para todos, para David Mella tamén. O día que imos falar da renovación de David por esta temporada e 4 temporadas máis. Unha viaxe que leva facendo desde alevín e que aínda vai continuar durante moitísimo tempo máis".
Apunta que "estamos aquí porque David desde un primeiro momento quixo estar aquí. Tivo opcións de poder ir a outros clubs sendo máis pequeno, pero incluso sendo tamén profesional puido ir a clubs que en teoría podían parecer a priori máis importantes que o Deportivo. Pola confianza que ten David no proxecto, en crecer da man, a referencia que é de cara a #ANOSAFORZA tomou creo que a decisión correcta. Dámosche as grazas, desexámosche toda a sorte do mundo e imos poder gozar del durante 5 anos máis".
Pola súa banda, David Mella explica que "desde un principio no Club tratóuseme moi ben, déuseme agarimo e eu creo que estar preto da miña familia e estar aquí xogando en ABANCA-RIAZOR, que é estar como en casa, é o máximo".
Nestes momentos de felicidade acórdase o atacante deportivista de "a miña familia enteira: o meu pai, a miña nai, a miña irmá, a miña tía, as miñas dúas avoas, os meus dous avós, Paula a miña noiva, o meu irmán; e Javi, o meu representante, que leva desde xa fai 3, 4 aniños comigo, e é como da familia tamén. Acórdome deles todos os días, todos os esforzos que fixeron. Os meus pais facendo todas as viaxes que fixeron desde Santiago sempre. A miña irmá axudándome a estudar cando me vin aquí á residencia da Coruña, o meu irmán sempre apoiándome, adestrando comigo en casa, facendo que fose mellor. Os meus avós sempre dándome agarimo, dándome todo. A miña tía facendo viaxes longos para verme, que vivía en Francia e facía o esforzo sempre de vir á Coruña a verme xogar. E Paula por aguantarme agora diariamente, que non é fácil aguantarme. Todo isto é máis fácil con eles á beira".
Desvela Mella que durante os meses de negociacións "desde un principio sempre lle dicía a Javi, aos meus pais, que eu canto menos soubese de como ía todo, mellor. Eu quería estar centrado, tiña que dar o meu 100% e se teño máis cousas na cabeza non o dou. Fixéronse esforzos das dúas partes e eu creo que canto menos estivese metido niso até o día de hoxe, mellor. Vívese con nervios porque queres saber que pasa, o que hai, pero tiven a paciencia suficiente e centrado no fútbol, que é o que teño que facer".
Confirma ademais co sucedido este pasado verán co Brighton inglés que "sempre foi a miña prioridade o Dépor e que non me quería ir para alí. E como ben dixo Hugo (Rama), non se onde está Brighton, así que..."
O futbolista branquiazul insiste en que "cheguei ao Club co Dépor en Primera. Nunca pensei que iamos chegar a estar en Primera RFEF sabendo o Club que somos e a historia que temos. Agora estando aquí no primeiro equipo a verdade é que soñas con devolvelo onde ten que estar, que é en Primera e en Europa e a verdade que con moitas ganas agora, coa renovación, de levalo onde ten que estar".
Mella afirma que onte ante a SD Eibar pediu o cambio na segunda parte porque "acabei un pouco canso" e finalmente que ve que "o da canteira está a tirar para adiante estes 2 anos. Non é que inflúa na miña renovación porque aínda me quedan 2 anos máis, aínda tiña moito tempo, aínda que non se tirase coa canteira; pero a min o ano pasado, estando no primeiro equipo sen ficha, xogando minutos, demostráronme que eu podo dar o nivel para estar aquí. E xa co ascenso a Segunda, con todo o agarimo que me estaban dando, aí foi a decisión da renovación. Non foi polo proxecto canteira, porque en teoría cando empeza o proxecto eu xa estaba no primeiro equipo. Entón non influíu moito para min iso".