Dani Giménez indicou na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR que "o gol en contra foi un mazazo para o equipo. E o equipo sóubose sobrepoñer. É verdade que nos custou moitísimo atopar superioridades por banda para sacar centros. Ao final tiñamos a Christian e a Sabin que son especialistas. Un cúmulo de sensacións: desesperación, ansiedade, nervios por tentar primeiro empatar e logo por gañar. Cando metemos o empate o equipo creu máis que nunca que podiamos gañar. As cousas conséguense así, con corazón. Dalgunha maneira estásenos devolvendo eses partidos que na primeira volta puidemos sacar máis puntos e non os logramos. Agora aos poucos o fútbol pon a cada un no seu sitio".
Subliña que na primeira parte "estivemos mellor, o equipo estivo máis alto. No descanso habemos reculado, demos un pouco máis de facilidades e xusto aí veu o gol. Quedo con que o equipo soubo sufrir. Hai que mellorar cousas pero o máis importante agora é a limpeza mental".
O meta deportivista sostén que estas dúas vitorias consecutivas, en Elxe e ante a SD Ponferradina en ABANCA-RIAZOR, son clave para a permanencia do Dépor: "Desde a chegada de Fernando o equipo está cuns números incribles. A moitos afeccionados gustaríalles que xogásemos un fútbol máis brillante ou doutra maneira. Pero o equipo está para o que está, para sufrir e gañar os partidos sufrindo. O que queremos todos é que o Dépor siga en Segunda División; e canto antes podamos pechar esa permanencia antes poderemos deixar pinceladas da calidade que teñen os nosos xogadores".
Sen tempo case para recuperar, advirte que o Dépor "vai agora a un campo moi difícil (o Heliodoro Rodríguez López de Tenerife), contra un equipo que está tamén enrachado sobre todo en casa e que non teñen presión por nada. Nós temos que estar mínimo ao nivel que estivemos".
Finalmente Dani Giménez queda con que o equipo "cre na vitoria e sabe as armas que ten que utilizar para conseguilas. Logo temos un gran cadro que outros equipos non o teñen. Arriba temos moitísima pólvora pero todos bos xogadores para a categoría".