RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez avoga por xogar "mércores e domingo ata que acabe a liga" porque "a xente vai estar necesitada de fútbol"

Dani Giménez pasouse hoxe mércores pola sala de prensa virtual do Club.

O meta deportivista, despois de 76 partidos consecutivos de liga xogando, comenta que veu ao Dépor "a un obxectivo claro, que é subir a Primeira División e tentar permanecer en Primeira sexa xogando, no vestiario, apoiando, o que sexa. E niso sigo. Estes datos son bonitos pero dada a situación do equipo, na posición actual na táboa e en Segunda, non os miro porque o que me interesa é subir a Primeira co Deportivo. O demais é secundario".

Confesa que leva estes días "como todo o mundo. Metido en casa, tentando saír o menos posible á rúa. Na Coruña, non puiden ir xunto á miña familia porque teño avoas cunha certa idade e é mellor que estean elas en casa. Tento manter un horario bo, como de competición. Levántome cedo todos os días, un cafeciño e póñome a adestrar hora e media ou dúas horas. Facer mobilidade e os exercicios que teño para recuperar o abdome, pube, aductores. Dentro do malo, cando volvamos á competición, estarei en moitas mellores condicións do que estaba cando nos fomos. É pouco consolo porque o que queremos é que haxa fútbol. Pero a situación é esta e hai que aproveitala dentro dos límites que tes".

A nivel mental, conta que "a fortaleza vén de entender que é o que hai. Aceptar a situación. Gustaríame estar coa miña familia pero con este tema quedeime na Coruña coa miña muller, cos meus cans. E levámolo ben. Hai que buscar alternativas para divertirse como ler, ver películas, facer cousas xuntos. Levareino ben".

No seu caso, "coa lesión que levo arrastrando estas semanas, estou a tratar de recuperala. Cos Servizos Médicos do Club, que me mandaron uns protocolos. Ao final moita mobilidade na zona, moito traballo de forza. Sempre é máis fácil facer forza que cardio en casa. Moito traballo de core, abdominal, lumbar. Recuperando aos poucos a zona. En canto aos reflexos, con 2 ou 3 días de adestramento polos a ton. É como unha pretemporada. Parece que esqueciches xogar pero nos primeiros días poste a ton".

Sobre a competición, e as 11 xornadas que restan, o porteiro branquiazul lembra que "non sabemos a magnitude nin o alcance da pandemia e non sabemos cales van ser as datas dispoñibles. Sería bo acabar a competición da maneira que fóra, xogando os partidos que nos quedan. Vemos que se está atrasando a Eurocopa, se hai que atrasar o inicio da seguinte competición, pois haberá que facelo".

Subliña que "desde a miña parte e a de todos os futbolistas queremos xogar. Non queremos que se acabe a competición de ningunha das maneiras. Escoitei moitas opcións. Se ao final temos que forzar e xogar o máis seguido posible, farémolo porque llo debemos ao público e á xente que fai posible que no fútbol móvase o diñeiro que se mova".

Ve "o máis sensato" a suspensión da Eurocopa e da Copa América: "Unha vez coñezamos como avanza esta pandemia, Liga e Federación chegarán a un acordo. Temos o problema dos contratos o 30 de xuño, pero a miña opinión persoal é que non ten que pasar nada para que nun momento excepcional facer un apaño. Somos conscientes de que cando salgamos de todo isto a xente vai estar necesitada de fútbol porque é a forma de que a xente se evada. E logo temos que ser consecuentes coas televisións e co que move e achega diñeiro ao fútbol. Tentar os xogadores desde a nosa fortaleza física xogar o maior número de partidos no menor tempo posible, sempre que sexa saudable. Se hai que xogar mércores e domingo ata que acabe a liga, son partidario desa opción".

Desde a Asociación de Futbolistas Españois, a posición é clara como apunta Dani Giménez: "Queremos xogar. Desde LaLiga e a Federación supoño que manexarán calendario dependendo de cando se poida xogar. Empezouse con bo pé atrasando a Eurocopa. Aí temos marxe para poder xogar. Todo o que sexa continuar a competición en calquera momento e acabala é o desexable. Quen leva isto é Sanidade, é o Goberno. Non creo que Federación nin Liga saiban máis que nós. Vai depender da evolución da pandemia e tentaremos estar preparados para cando chegue o momento".

Finalmente, considera que o Deportivo debe "facer outra vez o que faciamos antes. Con Fernando Vázquez conseguimos unha solidez en base a acumular xogadores pero tamén que a xente se sentía apoiada e sacaba a súa mellor versión. O aspecto ofensivo do equipo quedaba reducido á estratexia e contraataques. Nos últimos partidos, que tivemos máis posesión, non fomos o perigosos que fomos noutros partidos. Tratar de mellorar o aspecto ofensivo e no aspecto defensivo, coa incorporación do central novo, pode achegarnos cousas que coa lesión de Michele Somma botabámolo en falta: que mande na defensa; que Mujaid e Montero, máis novos, noten alguén con máis experiencia á beira; e que todo o equipo entenda que o que nos deu tantos resultados positivos foi a defensa e que a defensa empeza no primeiro dianteiro e acaba en min. Tentar conseguir esa sensación de bloque, de solidez, sabendo que o contraataque para nós é fundamental".