David Mella incorporouse esta mañá ao traballo co primeiro equipo após o seu paso pola selección española sub-19, coa que estivo concentrado, ademais do xuvenil Kevin Sánchez, esta semana con motivo duns adestramentos na localidade alacantina de Alfaz do Pi.
O canteirán foi recibido polos seus compañeiros no céspede polo tradicional corredor de 'pescozóns' (na foto da noticia), habitual cada vez que un futbolista regresa do seu respectivo combinado nacional.
En rolda de prensa, Imanol Idiakez explicou que "estivemos falando con el. Tivemos contacto coa Federación para que nos manden os esforzos que fixeron. Onte xogaron un partido de 60 minutos. Estiven con el e imos ver como se recupera da viaxe, destes días alí que ir coa selección sempre ten unha tensión emocional. Imos ver como está mañá".
Óscar Gilsanz, técnico do Fabril, destaca que "calquera aparición dun xogador da canteira no primeiro equipo, sobre todo con bo rendemento, é un aliciente para os que veñen detrás e que o primeiro equipo está ao alcance deles. Iso sempre é bo para os mozos, para o Club, para o traballo de Abegondo, para a xente que traballa aquí diariamente con eles desde moi pequenos".
A xornada arrincou na sala de vídeo. A continuación, despois dunha activación con xogos e rondos, Imanol Idiakez dispuxo unha tarefa de finalizacións e un repaso ás accións a balón parado.
Con Yeremay, lesionado, fóra do grupo; Tim, Jairo e Martín Ochoa ademais do citado Mella representaron a #ANOSACANTEIRA esta mañá.
Mañá sábado, o Dépor adestrarase a partir das 10:30 en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada, na última sesión previa ao choque deste domingo 10 de setembro en #ANOSACASA ante o CD Teruel (19:30, FEF TV), correspondente á 3ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.