RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

David Simón: "O único que pido é unión e seguir confiando. Ímolo a conseguir"

David Simón, autor do primeiro gol do partido, pasouse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.

O lateral canario pide trala derrota ante o Extremadura UD "estar máis unidos que nunca e mañá levantarse".

Afirma que esta tarde en ABANCA-RIAZOR "empezamos ben, apertando; cun puntiño máis que o outro día ante o Málaga. Metemos o gol e logo o equipo ha ir baixando, non sei se por ansiedade. Non estivemos ben e por mor de aí chegan os goles. Cando levas moitos minutos sen estar ben no terreo de xogo pois o rival tamén xoga".

Recoñece un "chisco de ansiedade. Ese medo por ter o obxectivo aí e non querer perdelo. Pode ser iso. Quedan 2 partidos máis, ser positivos, volvernos a levantar. Estamos aí. Hoxe quedámonos fodidos pero mañá hai que pensar no seguinte". "Hai que levantarse con máis forza. Queda pouco. Hai que ser positivo e conseguir o obxectivo nestes 2 últimos partidos", engade.

Non cre que houbese exceso de confianza, "senón todo o contrario. Saber que tes o obxectivo preto, que non o queres perder. E iso leva a non confiarche senón a non ir tan folgado a presionar... É difícil explicar o que pasou hoxe. Estamos fodidos e isto tennos que servir. Quedan 2 máis e temos que ir a matar a conseguir o obxectivo sexa como sexa".

Viu aos seus compañeiros no vestiario "bastante amolados. Case non estiven. Quedeime na bancada con ese resquemor por todo o que estamos a facer durante a temporada, todo o camiño que fixemos para saír do descenso. Eu estiven dando ánimos á xente. Nós somos sufridores, temos que saír adiante. Levamos toda a temporada sufrindo e non ía ser menos. Pido que a partir de mañá seguir unidos como o estivemos facendo nesta segunda volta e despois da corentena; que a afección estivo connosco a matar e nós tamén respondemos ben. O único que pido é unión e seguir confiando. Ímolo a conseguir. Mañá levantámonos e imos a por iso".

É máis, confesou que Fernando Vázquez se dirixiu aos seus futbolistas nestes mesmos termos: "Hoxe déronnos. Foi un golpe forte pero quedan 2 partidos máis. Que imos e ímolo a conseguir. Animarnos. Fixemos un bo traballo estes 11 partidos. Confianza intacta. Hoxe fodidos pero mañá xa a tope".

Subliña David Simón que "hai que lembrar todo o que sufrimos, o que conseguimos. Non é fácil despois da primeira volta desastrosa que fixemos. Iso tennos que levar a sacar estes partidos. Ser positivos, crer en nós até o final e que crean en nós. Esta semana imos todos a un tempo que hai que conseguilo.

Finalmente sobre o seu gol, opina que "vén por traballo, por todo o que loitei. Contento pero cun sabor súper amargo. Oxalá fose para sumar a vitoria. Hai que ser positivos. Agora estou amolado pero ser positivo, quedan 2 partidos máis, estamos fóra do descenso e hai que levantarse. Levamos toda a temporada sufrindo e non ía ser menos. Pido que todo o mundo sexa positivo".