Antes da primeira visita institucional á exposición Riazor 75, Recordos dun océano de soños, o presidente do Real Club Deportivo, Fernando Vidal, atendeu aos medios de comunicación congregados.
Sobre o desenlace de LaLiga, que arrincou o pasado domingo e continúa hoxe en Oviedo manifestou que “temos dez finais por diante e todas son importantes, son trinta puntos por disputar após conseguir un puntiño cando os nosos ánimos estaban en conseguir o tres pero, visto o partido, dámolo por bo e máis aínda se somos capaces de gañar hoxe en Oviedo nun partido que vale dobre porque é un rival directo e por tanto temos que pór o 150% para traer o tres puntos. O equipo xógase moitísimo, pero estamos moitos equipos agora mesmo na pelexa pola salvación e iso é algo bo tamén, ninguén queda descolgado”.
Cuestionado pola data da Xunta Extraordinaria de Accionistas, aclarou que “a finais desta semana teremos consello de administración e estamos a barallar a última semana de xullo”.
En canto á compensación aos socios polos partidos non gozados en ABANCA-RIAZOR explicou que “fixemos unha proposta e reunímonos con diferentes sectores do tecido social do Deportivo para escoitar as suxestións e as ideas, pero vendo tamén cal é a evolución da pandemia en Galicia e se cabe a posibilidade de que se poida xogar con parte do aforo no Estadio. Veremos como evoluciona e estaremos ás ordes das autoridades sanitarias. Imos esperar a principios de xullo que aínda quedarían tres partidos antes de lanzar a oferta de compensación aos abonados”.
Tamén respondeu sobre a situación interna do consello de administración. “Miguel Otero é un conselleiro máis. Non quero opinar máis sobre un tema que xa falei suficientemente co comunicado que fixemos e non imos botar máis leña ao lume porque é entrar nun barro e nun rebumbio que non conduce absolutamente a nada. Estamos a pensar en salvar ao equipo e na Xunta de Accionistas para levar a cabo a nosa proposta que cremos que é a mellor para o Deportivo” e sobre as opinións do expresidente Lendoiro di que “son totalmente respectuoso co que poidan opinar outros presidentes, outras persoas vinculadas ao Club. Cada un no seu momento, cando ten que tomar decisións, sabe por que as toma e nada máis, ten todos os argumentos para acertar ou equivocarse. Nós tomarémolas sempre en beneficio do Club, o mellor para o Deportivo. Tamén no 2008 fóronse a buscar investidores fóra de España porque era necesario a nivel económico, máis se cabe agora que estamos en Segunda. O deportivismo é sabio e sabe discernir en cada momento e en cada situación o que hai que facer”.
Sobre os prazos de aprobación de ampliacións de capital, contas e Xunta lembrou que “co Estado de Alarma todo demorouse tres meses polo que estamos en prazo máis que suficiente desde este luns pasado. O límite salarial farémolo igual en función da ampliación de capital dinerada e por compensación de créditos con ABANCA e farémolo en función desa ampliación porque o límite non se calcula nunha data determinada senón en función dos ingresos que vaia habendo ao longo da temporada, como pasou en xaneiro co crédito participativo, pero canto antes fagámolo, mellor para poder planificar o cadro”.
Por último, en referencia a posibles incorporacións á estrutura do Club quixo deixar claro que “non imos tomar ningunha decisión sobre nomes ata que o Deportivo non teña máis clara a permanencia en Segunda División, todas as decisións van estar a expensas desa decisión”.