RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Derrota con lectura positiva do Deportivo ABANCA en Guimarães

- Foto: @FutFemSCP -

O Dépor ABANCA concluíu a súa cuarta semana de pretemporada hoxe venres 18 de agosto cun novo amigable, esta vez na cidade lusa de Guimarães ante o Sporting CP Feminino, saldado con vitoria portuguesa (3-1).

Até a data, unha vitoria ante o Deportivo Alavés Gloriosas na XI edición do Trofeo Teresa Herrera Feminino e unha derrota co SC Braga en Abegondo era a bagaxe de pretemporada das Nosas, conscientes de que o importante é a competición de liga en Primera Federación Iberdrola.

O rival de hoxe, o Sporting CP, é un dos punteiros da Liga BPI ou máxima categoría do fútbol feminino luso. Vixente subcampión ligueiro, só superado polo SL Benfica, as sportinguistas contan nas súas filas con varias xogadoras que participaron no campionato do mundo en Australia e Nueva Zelanda como Ana Borges, Ana Capeta e Diana Silva.

A primeira parte acabou en igualada (1-1) despois de 45 minutos nos que quizais as mellores oportunidades caeron ao lado deportivista. 

Marta Charle puido marcar aos 23 minutos pero o seu disparo, nun man a man coa gardameta lusa, marchouse cruzado por moi pouco. Na acción sobresaíu tamén o gran pase filtrado de Sara Debén.

Á media hora adiantouse o Sporting nun penalti transformado por Claudia Neto cometido por Ayaka.

O Dépor ABANCA respondeu rápido posto que ao fío do descanso chegou a xogada do empate que facía xustiza ao visto sobre o terreo de xogo. Millene fixo unha parede con Laurina, quedou soa ante a portería e o seu disparo sacouno a defensa lusa baixo a mesma raia de gol. No rexeite, a dianteira branquiazul sofriu unha falta, castigada con pena máxima que ela mesma transformou.

Tralo paso polos vestiarios saíu mellor ao céspede o Sporting CP, que sentenciou o choque con goles de Maisa Correia e de Claudia Neto case consecutivos.

Aos poucos As Nosas lograron equilibrar o xogo e dispuxeron dalgunha oportunidade, como un lanzamento de falta executada por Elena Vázquez desde 30 metros.

Ao final do tempo regulamentario, derrota deportivista pero despois de competir ante un dos equipos máis potentes de Portugal.

Deportivo ABANCA: Yohana, Samara, Inés Altamira, Elena Vázquez, Sara Debén, Henar, Ayaka, Paula Gutiérrez, Laurina, Charle e Millene. Tamén xogaron: Lucía, Clara Rodríguez, Eva Dios, Carlota, Lía, Raquel, Cris, Carmen Carballada e Paula Monteagudo.

Goles: 1-0, min. 30: Claudia Neto, de penalti; 1-1, min. 44: Millene, de penalti; 2-1, min. 48: Maisa Correia; 3-1, min. 55: Claudia Neto

Finalizado o encontro, As Nosas emprenderon regreso á Coruña. O sábado 19 e o domingo 20 serán xornadas de descanso. Así pois, o próximo adestramento do Deportivo ABANCA será o luns 21 de agosto ás 10:00 en Abegondo, con vídeo e ximnasio previos a partir das 9:00 horas.