Diego Aguirre foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. queda do partido do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o DUX Internacional de Madrid "coas sensacións que tiven. Viña de lesión, sorprendeume a titularidade; pero contento polos minutos".
Ademais sorprendeulle ao carrileiro zurdo a súa localización no terreo de xogo, de lateral dereito: "Na esquerda sabía que ía ser moi complicado que me metese e o míster nos entrenos empezoume a probar de lateral dereito. Cando me puxo aí cheirábame un pouco que ía xogar de titular. De lateral dereito non xoguei nunca pero tiven boas sensacións, atopeime a gusto. O equipo axudou a que eu me atopase mellor e contento. Esta é a dinámica que temos que seguir".
Explica sobre os movementos defensivos na dereita que "ao principio o pensas máis. Logo xa saen sós pero é verdade que os perfís, o correr a perna cambiada cara atrás é distinto. Os primeiros minutos son para ver como che atopas e logo xa de aí ao xogador nácenlle as cousas soas. Ao final atopeime moito mellor".
Aínda que non se ve fixo nesa posición de lateral dereito, advirte que "traballo día a día para estar a disposición do míster e se o míster ve con opcións e con bos ollos que eu xogue alí pois benvido sexa. Eu quero xogar e sexa onde sexa, gustaríame".
Preguntado por Antoñito, o lateral dereito invitado polo Club estes días, Aguirre apunta que "é un xogador que coñezo. Enfronteime a el no Albacete e no Valladolid. É un xogador que nos pode achegar moito. Nós cos laterais buscamos moita profundidade e é o tipo de perfil que necesita este equipo: un lateral con percorrido, traballador e eu creo que nos pode axudar".
Tamén confesa sentir "un pouco" de alivio coa súa chegada pero "eu agora mesmo as sensacións que teño son boas; así que se o próximo partido tenme que poñer de lateral dereito, encantado. O importante é que gañe o equipo e e seguir esta dinámica que temos. Necesitabamos esta vitoria contundente en ABANCA-RIAZOR, con #ANOSAFORZA".
A nivel persoal, subliña que a súa temporada é "para esquecer pero sigo pensando desde o principio que o obxectivo é ascender. Se ao final ascendemos este ano só lembrarase o ascenso. Está a ser difícil porque non estou a ter continuidade. É o ano que menos minutos estou a ter. Teño a cabeza fría. Son consciente que o meu rol non é o de titularísimo e estou a traballar día a día porque estes últimos partidos son claves e agora na recta final estou a entrar máis. Estou agora mesmo contento porque poden chegar os meus minutos e podo axudar ao equipo e conseguir os obxectivos".
Ve aos seus compañeiros nesta recta final "tranquilos. O noso obxectivo é ir conseguindo os tres puntos cada fin de semana. Xa non pensamos tanto no Racing porque é case imposible alcanzalos por como están eles, non por como estamos nós. É iso: conseguir gañar e ter boas sensacións. Levabamos buscando un partido como o do DUX moito tempo. Agora nestes partidos finais coller esas sensacións vai ser vital".
"Ten pinta", segundo Diego Aguirre, que o Xuíz Único de Competición considere aliñación indebida o feito de que Diarra e Artola xogasen co Athletic B o seu partido contra o Dépor; e, por conseguinte, valora "afastarnos dos que van detrás de nós", posto que a diferenza co Racing de Ferrol subiría aos 7 puntos: "Temos que ir sacando puntos agora e asegurar a segunda praza canto antes".
Finalmente, vaticina en El Prado de Talavera de la Reina este domingo 24 de abril ás 12:00 (Footters e Fuchs-Sports) un partido "moi difícil. O CF Talavera está a xogarse as fabas. Co cambio de adestrador sempre os equipos ao principio teñen ese plus de intensidade. Aquí en ABANCA-RIAZOR xa nolo puxeron difícil. É un equipo que pelexa, que toca ben o balón. Se non o máis difícil, é un dos (partidos) máis difíciles que nos quedan até o final", conclúe.