Diego Aguirre incorporouse esta mañá ao grupo no ensaio forte da semana
Diego Aguirre entra na recta final da súa recuperación e esta mañá incorporouse á disciplina de grupo no ensaio forte da semana de cara á visita do DUX Internacional de Madrid a ABANCA-RIAZOR, prevista para o domingo 17 de abril ás 12:00 horas (TVG-2, G24.gal, Footters e Fuchs Sports). O encontro corresponde á 32ª xornada no grupo 1º de Primeira RFEF.
Os Servizos Médicos decidirán nestas próximas sesións se o lateral deportivista está en disposición de competir a fin de semana fronte ao conxunto madrileño.
Tamén se uniu ao grupo Jaime, que arrastraba unhas molestias nun Aquiles. Así pois, só estivo esta mañá con traballo personalizado Trilli, a consecuencia dun proceso vírico; xa que Víctor está de permiso.
Noel, Yeremay, Juan Rodríguez e Álex Montero, atacante do Xuvenil B de Liga Nacional, foron os representantes hoxe de #ANOSACANTEIRA.
Como adoita ser habitual os xoves (cando o partido é en domingo), Borja Jiménez realiza un ensaio xeral a todo o campo con diversas probas de sistemas e posicións; e con especial fincapé en accións a balón parado. Un quecemento e un exercicio de posición abriron a mañá no céspede.
Mañá venres 15 de abril o Dépor regresa a Abegondo a partir das 10:30 horas.