RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Aguirre recibe a alta médica e entra na lista de convocados para visitar mañá ao CD Tudelano

Diego Aguirre recibiu esta mañá a alta médica e entrou na convocatoria de 22 futbolistas para visitar mañá domingo 5 de setembro ao CD Tudelano (17:00 horas, Footters).

Por contra, causan baixa os lesionados Valín e Menudo, que hoxe tiveron adestramento específico baixo a supervisión dos fisioterapeutas e o readaptador, Álex Canosa. O lateral coruñés xa realiza tarefas sobre o céspede e avanza na súa recuperación.

Tampouco están dispoñibles para xogar Trilli e Noel, que xunto a Dani Barcia están concentrados coa selección española sub-19 na localidade alacantina de Alfaz del Pi.

Finalmente hoxe non se adestrou Celso Borges, titular o pasado xoves en Panamá coa súa selección, Costa Rica, no primeiro dos partidos do octogonal da CONCACAF rumbo a Qatar 2022. O choque acabou en empate (0-0). A seguinte cita do combinado 'tico' nesta rolda clasificatoria será mañá domingo 5 de setembro en San José (17:00 hora local, 1:00 do luns 6 en España) fronte a México.

Yeremay e David Martínez 'Davo' son a representación de #ANOSACANTEIRA neste segundo compromiso en 1ª RFEF.

A pesar do fantástico arranque ligueiro do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o RC Celta B, Borja Jiménez non confirmou onte en rolda de prensa que repetirá o once inicial desa primeira xornada: "Pode ser que si ou pode ser que non. O equipo fixo cousas ben pero os cambios que fixemos... Menudo fíxoo moi ben, Doncel, Noel. Calavera nun momento do partido con Rafa de Vicente, onde volvemos retomar o control, fixérono moi ben. Os cambios achegáronnos moito. Xente que xogou 12 minutos, 30 minutos a un nivel moi alto. Iso é o que quero. Que Menudo non inicie e salga e faga as cousas ben iso é positivo para que Villares e Juergen digan 'coidado'; que Noel salga e faga gol... Miku dirá 'uy'; que Doncel faga gol activará a William e a Quiles; que Víctor estea aí... Esa competencia interna vai facer que todos teñan as orellas tesas e estar atentos ao que poida ocorrer. Son unha caixa de sorpresas. Repetir o once non vai poder ser, ou sexa que algún cambio haberá".

No adestramento desta mañá, após un quecemento con rondos e un xogo de fútbol reducido, Borja Jiménez dispuxo un partido táctico a campo completo. Como é habitual neste tipo de tarefas, o técnico deportivista intercambiou continuamente posicións e sistemas. Cun ensaio de accións a balón parado, principalmente saques de esquina, finalizou o traballo sobre o céspede.

Concluída a sesión, o Dépor desprázase por estrada a Tudela e regresará ao concluír o choque no Estadio Ciudad de Tudela. O cadro está citado de novo en Abegondo o luns 6 de setembro ás 9:00 para almorzar e adestrar a partir das 10:30 horas.