RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Villares, Rayco e Pablo Brea entran na lista para o partido de mañá domingo ante o Coruxo FC

Diego Villares, Rayco e Pablo Brea son as tres novidades na lista de 20 xogadores de cara ao encontro de mañá domingo 7 de febreiro no campo do Vao (12:00 horas, TVG) ante o Coruxo FC.

Os dous primeiros incorporáronse esta semana ao primeiro equipo procedentes do Fabril. "Van achegar ilusión, moitísima capacidade e calidades que neste equipo vanlles a permitir sumar e dar un salto exponencial. Independentemente de que sempre relacionamos que a xente de fóra está para xa e a xente que sobe imos ter que esperar. E neste caso non é así", explicou onte Rubén de la Barrera en rolda de prensa.

Insistiu o técnico branquiazul en que "se algo positivo leva o ascenso tanto de Diego Villares como de Rayco é esa posibilidade de ofrecer rendemento inmediato; xente que vén con moitísimas ganas, enerxía. E iso estano referendando no día a día nos adestramentos. A sensación que teño é clara: están para xa e para poder achegar desde o primeiro minuto".

Definiu o adestrador deportivista a Rayco como "un rapaz con gol, chega á área, ten recursos para finalizar, con balón xera desequilibrio, moi bo no un contra un e con capacidade para asociarse". De Diego Villares apuntou que "é un xogador cuxo perfil me gusta; con presenza en momentos onde a xente se ten que incorporar, ataca o espazo, abarca moito campo e á súa vez é un xogador con moi bo pé".

Rubén de la Barrera concluíu ante os medios de comunicación que "son dous mozos moi novos, con ganas, que están para xa. E o equipo nese sentido vaino a agradecer".

Queda fóra de maneira forzosa Lucho, cunha fractura dos ósos propios do nariz. O meta colombiano atópase estes días con repouso deportivo. Foi relevado na citación por Pablo Brea, que acompaña así a Adri Castro como representantes do Fabril.

Na sesión desta mañá, os técnicos realizaron entre os campos 2 e 3 unha serie de exercicios tácticos: un de movementos ofensivos con finalizacións e logo un partido; para concluír cun repaso de accións a balón parado.

O equipo desprázase mañá domingo á primeira hora da mañá a Vigo e, finalizado o choque ante o Coruxo FC, adestrarase de novo en Abegondo o luns 8 de febreiro ás 11:00.