RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Discurso do Presidente do RC Deportivo Álvaro García Diéguez

Boas tardes a todos e a todas.

Grazas pola vosa presenza nesta Xunta de Accionistas, que é tamén a miña primeira Xunta Ordinaria como presidente do Real Club Deportivo desde a chegada do actual Consello de Administración fai só cinco meses.

Quero comezar cunha mensaxe clara: Hoxe veño falarvos de futuro. Son moi consciente, somos moi conscientes, do presente que vivimos e de onde estamos. Sabemos que o Dépor, o noso primeiro equipo, é o buque insignia deste Club, e que non estamos a cumprir cos obxectivos que todos nos marcamos para esta temporada. Quero que saibades que xa traballamos de maneira firme en clave de futuro.

Neste momento temos unha certeza que é vital. O Real Club Deportivo camiña con paso decidido cara a un triplo obxectivo: o saneamento financeiro, a aposta por construír equipos en todos os ámbitos e o importante aumento do investimento na canteira e as infraestruturas.

De novo futuro, futuro e futuro.

Non estamos nunha fase de mantemento nin de cumprir co mínimo para que o Club sobreviva. Estamos nun momento de aposta clara do noso principal accionista, ABANCA, para investir, crecer, avanzar e devolver ao Deportivo onde merece estar.

En primeiro lugar, no que se refire ao saneamento financeiro, a gran noticia desta Xunta é que xa iniciamos o proceso de saída do concurso de acredores. Podo anunciarvos que hai unha semana rexistramos a proposta de modificación do actual convenio en sede xudicial. E en paralelo, para poder facer efectivo o pago da débeda, hoxe pedímosvos o voso respaldo para solicitar até 17 millóns de euros máis a ABANCA que nos permitan facer efectiva a saída do concurso en maio de 2024.

Saír do concurso non só significa sanear as nosas contas, senón tamén mellorar as condicións deportivas e aumentar o límite salarial do primeiro cadro no regreso do Dépor ao fútbol profesional.

En segundo lugar, estamos a investir para construír equipos en todos os departamentos do club, tanto no persoal deportivo, con melloras nos servizos e staff do primeiro equipo e avances significativos no Dépor ABANCA, como no persoal non deportivo.

Aquí quero determe no Dépor ABANCA. É un orgullo que o noso club sexa a referencia do fútbol feminino en Galicia. Temos unha gran ilusión posta nos seus éxitos, e a nosa aposta por avanzar na igualdade no fútbol non son palabras, senón feitos sólidos. Estamos en contacto permanente con todo o equipo para seguir dando pasos, para ser ese club cara ao que miren todas as nenas que queren ser futbolistas. Apoiámolo con investimento e co patrocinio do noso principal accionista, mostra da importancia e o protagonismo que queremos darlles.

Como sabedes, fixemos tamén unha ordenación transparente de todo a nosa organigrama para crecer como entidade tanto no ámbito económico, con maiores ingresos e rendemento en todos os nosos parámetros, como no impacto social, coa consolidación de iniciativas como o Genuine, as Escolas RC Deportivo ou o DéporCampus, que están en números máximos de participación, e tamén en accións de responsabilidade e apoio á nosa contorna.

En terceiro lugar, cun incremento significativo do investimento na canteira e as infraestruturas de Abegondo. Estamos a apostar por reter o noso talento, xerar maiores oportunidades e crecer cun proxecto sólido e serio que desenvolveremos nos próximos meses na nosa cidade deportiva. Xa nas últimas semanas realizamos cambios importantes nas instalacións para mellorar o benestar e produtividade dos nosos equipos.

Antes falaba da importancia das certezas. Temos dúas certezas moi relevantes para mirar o futuro con optimismo, dous alicerces sobre os que debe construírse todo o que queremos lograr e que son diferenciais no Real Club Deportivo.

A primeira das certezas é que contamos co compromiso total e a longo prazo de ABANCA, o noso principal accionista. Eles levantaron a man cando o club estaba abocado á desaparición, e hoxe temos a súa total implicación para devolver ao Dépor ao fútbol profesional, con confianza plena en que podamos lograr o noso obxectivo.

A segunda das certezas é coa que quero pechar a miña intervención: temos unha masa social e unha afección insuperables. Esta temporada habemos pulverizado a marca de abonados e sentimos o respaldo imprescindible do deportivismo en moitas das iniciativas que levamos a cabo desde o club. Por iso a miña última mensaxe é para a nosa afección. Para darlles as grazas e tamén para asegurarlles unha cousa: que desde o club entendemos cada un dos seus sentimentos e que nós, na mesma medida que eles, sufrimos e pelexamos polo noso Dépor.

O fútbol non é unha ciencia exacta. Iso faio marabilloso e moi complexo á vez, pero asegúrovos que faremos todo o que sexa necesario para acertar e celebrar pronto novos éxitos en común.

Conscientes de onde estamos, pero con certezas moi relevantes que nos fan crer no futuro.

Moitas grazas.

Para rematar a Xunta, o Presidente volveu dirixirse aos accionistas:

Moitas grazas por todas as vosas intervencións e preguntas. Creo que é moi importante escoitarvos aos accionistas, do mesmo xeito que o vin facendo durante estes cinco meses con moitos colectivos, coa afección e con persoas próximas ao noso club. Escoitar, e que haxa participación, é imprescindible para que o club estea vivo e para seguir avanzando.

Con respecto ás vosas cuestións, quero destacar que desde que chegamos fai cinco meses tratamos de trasladar unha mensaxe e unha forma de traballar que transmitan tranquilidade, estabilidade e confianza. Iso non significa conformismo. Somos tremendamente ambiciosos e autocríticos. Repito que somos moi conscientes do noso presente e da situación na que estamos, pero de verdade cremos que a estabilidade é a mellor receita para construír o futuro do Dépor.

Son cinco meses de traballo e quédanos moito por diante. Entendemos que cando se producen cambios poida haber tamén diferentes opinións respecto diso, pero asegúrovos que todos os cambios e actuais equipos construíronse, como dicía no meu discurso inicial, coa total convicción de que son o mellor para o futuro.

Ademais dos equipos falábavos do futuro económico, e neste sentido creo que hoxe debemos quedarnos coa boísima nova de dar un paso enorme para saír definitivamente do concurso ao final desta temporada. Temos o apoio total do noso principal accionista, ABANCA, e camiñamos con paso firme para sentar unhas bases sólidas sobre as que poder traballar con tranquilidade.

Os investimentos que estamos a facer tamén son unha boa noticia, porque son investimentos para crecer. Antes poñía por diante tamén á canteira. Non son só palabras, senón feitos. Hoxe mesmo fixemos oficial a renovación de Martín Ochoa, que se suma á lista dos últimos meses coa ampliación de contratos de canteiráns como Brais Suárez, Dani Barcia, Kevin Sánchez, David Mella, Rubén López, Elena Vázquez ou Lucía Rivas. Creo que hai motivos para crer no futuro.

E por suposto, se algo nos fai crer no futuro é a nosa afección. Con ela temos unha débeda pendente e desde aquí reiterámosvos que faremos todo o que sexa necesario pola nosa banda para saldala.

Moitas grazas de novo pola vosa presenza e polo apoio. Conclúe aquí esta Xunta Xeral do Real Club Deportivo. Deséxovos unhas felices festas e un 2024 que veña con grandes novas no plano persoal e no deportivo. Declaro levantada a sesión.

Grazas e Forza Dépor.