RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Duro traballo físico para pechar outra xornada de dobre sesión, a segunda desta semana

Un circuíto físico de forza supervisado polos preparadores físicos Luis Fandiño e Sergio Roca foi a tarefa principal nunha esixente sesión vespertina en Abegondo.

Un exercicio de carreiras en costa nun monte contiguo á Cidade Deportiva puxo o punto e final a outra maratoniana e dura xornada desde as 9:00 horas.

Borja Granero, Trilli, Roberto Olabe e Héctor estiveron con traballo personalizado; mentres que Yeremay, Dani Barcia, Mella e Jairo foron a representación de #ANOSACANTEIRA.

Máis curta pero máis intensa pola mañá

O Deportivo acurtou a duración da sesión matinal, a primeira das dúas previstas hoxe xoves. Así, os futbolistas estiveron sobre o céspede ao redor de 75 minutos, lonxe dos adestramentos recentes por encima das dúas horas de duración.

Iso si, o corpo técnico deportivista subiu a cambio as pulsaciones dos seus xogadores con traballos de alta intensidade, en espazos reducidos; todo iso após un quecemento con mobilidade e unha roda de pases.

Isi Gómez, na súa presentación esta mañá, indicou que a pretemporada "está a ser dura. Iso vainos a vir ben a longo prazo para coller gasolina para a temporada".

Precisamente, o centrocampista madrileño retirouse na última parte. Os técnicos non queren correr ningún risco e dosifican as cargas de traballo de todos os xogadores.

Mañá venres haberá un único adestramento, a partir das 18:00 horas en Abegondo.

Ao concluír, Borja Jiménez fará pública a lista de convocados para o segundo amigable da pretemporada, segunda parada da Dépor Xira Integralmotion 2022. Será este sábado 30 de xullo a partir das 18:30 horas no campo municipal da Magdalena en Vilalba.

O Racing Villalbés recibirá ao Dépor no partido máis tradicional de cada pretemporada e coa retransmisión en directo por parte da canle oficial de Youtube do Club grazas ao patrocinio de Integralmotion.es.

As entradas custan 10 euros, véndense anticipadamente para grupos a través do teléfono 600 799 853, de forma anticipada nas oficinas do club lucense e o propio día do partido nos despachos de billetes do Estadio da Magdalena.