Eduardo Daniel Sousa Iglesias foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor para esta temporada.
En primeiro lugar, posou para os medios gráficos coa súa camiseta de porteiro acompañado polo Presidente do Club, Antonio Couceiro.
A continuación, compareceu ante os medios de comunicación. Lembrou en primeiro lugar que garda "un grato recordo" da súa primeira etapa en #ANOSACANTEIRA: "Aquí formeime nunha etapa moi importante da vida dun deportista e por iso estou moi contento".
Conta o porteiro branquiazul que nestas dúas primeiras semanas "os compañeiros, aínda que soe a tópico pero é certo, acolléronme como un máis. Iso faime estar feliz, tranquilo e centrarme para o que vimos aquí, que é traballar".
Confesa que a temporada pasada "vía ao Dépor como un transatlántico na categoría. Este ano que o estou vivindo desde dentro, non cambiou moito a miña idea. É un equipo que agora está a encaixar as súas pezas novas, botándose a rodar, pero que hai unha gran columna vertebral detrás do ano pasado e do anterior que nos vai a axudar a achegarnos a iso que todos queremos, que é o obxectivo marcado. Vexo ao equipo con moito empaque, con moita marxe de mellora e iso é moi positivo a estas alturas".
Desvela que a súa relación con Ian Mackay "xa ía máis aló que estar no Dépor ou estar noutros equipos como estivemos. Tivemos unha relación sempre moi sa, moi boa, de moito respecto e de moita admiración á vez. E iso trasladouse aquí. Competimos dunha maneira moi sa que é o que vai facer crecer o Dépor, o que vai facer crecer a portería e iso é positivo para todos".
A pesar da dura competencia, á hora de decidir o seu futuro e decidirse por Abegondo, Edu Sousa advirte que "che está chamando o Dépor. Está a querer contar contigo un Club como este, con esta historia, con esta grandeza. Moito non hai que pensar. Vimos aquí para traballar, para achegar o noso gran de area e axudar ao Dépor a crecer e a mellorar".
Cre que é "cedo" para ver a maneira de xogar. "Levamos dúas semanas de pretemporada. O míster está a querer ver cousas, está a probar cousas. Nestes dous primeiros partidos a idea sempre é a mesma: iniciar co teu central máis próximo e a partir de aí que eles decidisen na saída de balón, pero isto non quere dicir que sexa o que vaia a pedir durante todo o ano. Imaxínome que haberá máis recursos para poder darnos máis alternativas e así que o Dépor sexa un equipo o máis completo posible", apunta.
Despois de disputar partes dos dous primeiros amigables da Dépor Xira Integral Motion, comenta atoparse "ben. Veño cunha idea clara, que é aproveitar todo o que dispoña, coma se fose o último do que vaia a gozar. Con esa idea estou contento. Adestrando cada vez voume atopando mellor, máis instaurado no que é o equipo, o cadro, e iso faime estar tranquilo, confiado".
O gardameta galego opina sobre o nivel de esixencia do Dépor que "é algo co que temos que convivir. Estás a dedicarche e tes unha profesión na que estás exposto a calquera tipo de crítica, xa sexa boa ou mala; e neste Club máis, porque ten unha historia e unha bagaxe detrás que fala por si só. Hai situacións na vida que si que son presión. Hai xente que non ten para levar para comer a casa e iso é presión. Nós estamos aquí dedicándonos ao que máis nos gusta, que é xogar ao fútbol, adestrar todos os días. Temos unha xente detrás que se ve pouco, pero que vela pola nosa seguridade, polo noso interese, polo noso benestar. E iso témolo que aproveitar para difuminar un pouco esa presión".