RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Empate "con sabor amargo" do Dépor ante o Real Zaragoza con igualada visitante no desconto

O Dépor retomou LaLiga Hypermotion cun empate (1-1) "con sabor amargo", tal e como afirmou Óscar Gilsanz en rolda de prensa, ante Real Zaragoza en ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 18ª xornada.

Con este resultado, Os Nosos suman 21 puntos, situados na 15ª posición de LaLiga Hypermotion.

Causaron baixa nas filas deportivistas David Mella, sancionado pola súa expulsión no Nuevo Mirandilla; e os lesionados Bouldini e Dani Barcia.

Villares substituíu a Mella no once inicial respecto ao encontro de Cádiz.

Adiantouse o Dépor aos 6 minutos nunha espectacular contra protagonizada por Lucas, que no último momento e após cruzar a metade do campo cede a Yeremay, esta estrela o balón no poste esquerdo e Mario Soriano empuxa o balón a pracer á meta zaragocista.

Saíra o Zaragoza dos ex deportivistas Víctor Fernández e Ager Aketxe cunha presión alta para incomodar a saída de balón branquiazul.

Helton Leite foi pasando os minutos sen excesivos abafos ata que aos 26, Calero rematou ao segundo pau en semifallo. A meta brasileiro atallou sen excesivos problemas.

Pouco despois cabeceaba Iván frouxo ás mans de Helton Leite. Custáballe ao Dépor superar a presión alta do Real Zaragoza.

Noutra contra visitante, Aketxe remata raso lixeiramente desviado.

Foi mellor o Zaragoza neste tramo de partido e asediou ao Dépor a base de centros laterais.

"A situación que queriamos con balón, esa superioridade no medio do campo, a entrada de Mario Soriano por dentro que nos garantise esa superioridade durounos 15 minutos. Despois o Zaragoza foinos afundindo aos poucos. Se saltabamos sobre os centrais cos de fóra atopábannos desmarques man a man de Adu Ares e Iván Azón contra os nosos centrais. Aí estabamos ao bordo do precipicio. Se non saltabamos afundíannos e expuñámonos a centros laterais", explicou o técnico deportivista.  

No entanto, sacudiuse lixeiramente o dominio o conxunto de Óscar Gilsanz cunha contra que acabou en saque de esquina. O despexe recolleuno Mario Soriano que disparou raso pegado ao pau. Sacou Femenías aínda que o colexiado, incomprensiblemente, non concedeu un novo saque de esquina.

Pouco despois, Lucas, de falta directa, obrigou a estirarse de novo a Femenías.

Rozou o empate o Zaragoza ao bordo do descanso cun centro de Aketxe ao que responde Helton Leite. Calero acaba a acción rematando fóra.

O primeiro tempo finalizou cunha falta á área deportivista lanzada por Aketxe e despexada pola zaga branquiazul.

"O que queriamos era mantelos lonxe da portería, facer unha presión alta e ter o balón. O guión do partido non foi o que nós queriamos", resumiu Óscar Gilsanz.

Após o paso polos vestiarios o Dépor saíu disposto a arrefriar o partido con posesións longas. E conseguiuno uns minutos.

"O segundo tempo foi de eficacia nun rival que nos afundía cos carrileros moi altos e nós tiñamos situacións de contraataque para poder matar o partido co 1-0", apuntou o adestrador deportivista.

No 55, Calero envía alto un remate claro na frontal da área nunha rápida transición do Real Zaragoza.

Pouco despois, Iván non precisa a súa cabezada a centro desde a esquerda, obstaculizado por Pablo Martínez.

Estas dúas accións espolearon aos aragoneses.

O Dépor puido aumentar a renda nunha contra de Yeremay que non puido concretar acompañado de Lucas e Barbero.

O partido era un ida e volta nas dúas porterías.

Iván xutou lixeiramente desviado no minuto 72 após recibir ás costas da defensa deportivista.

De novo Iván tivo o empate pero esta vez sacou Helton Leite nunha gran parada.

Apertaba de novo o Real Zaragoza en busca do empate.

No entanto entre Lucas e Yeremay case fan o segundo do Dépor. O canario non pode precisar o seu remate nun pase atrás do capitán.

A falta de 4 minutos, Pau Sans remata fóra con todo a pracer.

O Zaragoza logrou o premio do empate xa no desconto. Nunha xogada por banda dereita con centro ao corazón da área a defensa deportivista non acerta a despexar e Francho logra sen oposición a igualada.

Xa non houbo tempo para máis. "Até o último minuto pode haber cambios. Cando tócache a favor dámolo por merecido e cando tócache en contra o esforzo do rival tivo ese premio", reflexionou Óscar Gilsanz na sala de prensa.

Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Escudero (Jaime, min. 88), Mfulu, Villares (Jose Ángel, min. 74), Mario Soriano (Obrador, min. 74), Lucas, Yeremay (Cristian Herrera, min. 88) e Barbero (Davo, min. 89)

Real Zaragoza: J. Femenías, Luna, Jair Jr., E. Clemente, Keidi Bare (Francho, min. 67), Aguado (Pau Sans, min. 68), Iván, Calero (Tasende, min. 82), Adu Ares (Marín, min. 82), Aketxe (Toni Moya, min. 67) e Lluis López.

Árbitro: De la Fuente Ramos, do comité castelán-leonés. Amoestou a Mario Soriano (min. 6), Keidi Bare (min. 19), Jair (min. 34), Augado (min. 64), Pablo Martínez (min. 67), Mfulu (min. 73), Lucas Pérez (min. 88) e Helton Leite (min. 88)

Goles: 1-0 Mario Soriano (min. 6); 1-1 Francho (min. 90+3)

Incidencias: partido da 18ª xornada disputado en ABANCA-RIAZOR ante 24.370 espectadores